A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta analiza co Concello de Coristanco os avances na tramitación ambiental do proxecto para construír un parque empresarial no municipio

En relación aos servizos de augas, Ángeles Vázquez e Juan Carlos García abordan as principais necesidades municipais para reforzar as infraestruturas de depuración

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, analizaron esta mañá os últimos pasos dados no marco da avaliación de impacto ambiental simplificada do futuro parque empresarial do municipio, cuxo proxecto de desenvolvemento e urbanización está a tramitar o seu departamento.

En concreto, a responsable autonómica informou ao rexedor de que a comezos deste mes de xullo finalizou o período de participación pública vencellado ao trámite ambiental e que esta mesma semana a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade recibiu o último informe pendente por parte dos organismos consultados.

Unha vez recompilada e revisada toda a documentación, trasladoulle que o seguinte paso será a emisión do correspondente informe de impacto ambiental, para o que ten un prazo máximo de tres meses e co que o seu departamento porá fin á tramitación do proxecto.

No transcurso da reunión, a responsable autonómica e o alcalde de Coristanco tamén abordaron outros asuntos de interese municipal no ámbito das competencias que ten atribuídas á Consellería. Así, en relación aos servizos relacionados coa auga, analizaron as necesidades que o Goberno local considera actualmente prioritarias, sobre todo no que respecta ao sistema de depuración en varios núcleos do concello e ás infraestruturas hidráulicas coas que cre que se lles podería dar unha solución.

Neste sentido, o alcalde comprometeuse a remitir o antes posible o proxecto municipal para a construción dunha EDAR para tratar as augas residuais de varios núcleos lindantes ao carón do parque empresarial para que Augas de Galicia o supervise tecnicamente.

Por último, Ángeles Vázquez recordoulle tamén as diferentes liñas de axudas que cada ano convoca a Xunta para apoiar ás entidades locais no exercicio das súas competencias en abastecemento, saneamento e depuración e puxo en valor a colaboración técnica e económica que Augas de Galicia lle vén prestando aos concellos neste eido.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2026