A Xunta inviste máis de 278M€ en case 2.700 obras para modernizar e mellorar os centros educativos

Rueda salienta que o Goberno galego cumpre co Plan de nova arquitectura pedagóxica 2021-2024, unha folla de ruta “que non tiña precedentes ata o de agora”

Están en marcha o 98 % das intervencións incluídas na planificación, mentres que as restantes están xa comprometidas para a súa próxima execución

Amplíanse 43 centros cun fondo de case 68M€ para atender as necesidades de matrícula e de formación do alumnado en zonas con dinamismo demográfico

As intervencións buscan mellorar o confort de alumnado e profesorado, optimizar o consumo enerxético e dotar os centros de espazos máis actuais

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2024

O Consello da Xunta analizou hoxe o balance desenvolvido pola Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica no período 2021-2024. Nel, conclúese que o labor de rehabilitación e mellora de colexios e institutos supuxo un investimento de máis de 278 millóns de euros.

Tal e como salientou o presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, “cumprimos con este plan que era moi ambicioso, que non tiña precedentes ata o de agora e que sen dúbida é moi importante na modernización dos centros educativos”.

Segundo destacou o máximo responsable do Goberno galego, “seguimos traballando para facer dos centros educativos públicos en Galicia espazos confortables, accesibles e axeitados ás novas políticas educativas que estamos poñendo en marcha”.

Así, o plan inclúe case 2.700 actuacións para mellorar as instalacións de escolas, colexios, institutos, centros integrados de FP e conservatorios dependentes do Executivo autonómico. Neste momento están rematadas, en execución ou licitadas o 98 % delas, por un importe de máis de 229M€. O 2 % restante xa está comprometido, de tal forma que boa parte xa contan con proxecto encargado ou en revisión para a súa próxima execución. O orzamento inicial para estas actuacións é de 49M€, cifra que se incrementará unha vez que os servizos económicos terminen de perfilar a intervención.

 

Por provincias, a distribución das actuacións e o seu orzamento é a seguinte:

Provincia

 

 

Obras en marcha: rematadas,
en execución ou licitación

 

Obras comprometidas

 

Grandes
obras

Obras pequenas
e medianas

Instalacións fotovoltaicas

A Coruña

107 actuacións

861 actuacións

20 actuacións

22 actuacións

64,3M€

12,5M€

         566.000 €

20,1M€

Lugo

46 actuacións

367 actuacións

14 actuacións

6 actuacións

27,5M€

7M€

         387.000 €

1,1M€

Ourense

28 actuacións

585 actuacións

7 actuacións

8 actuacións

25,8M€

13,1M€

         205.000 €

6M€

Pontevedra

132 actuacións

460 actuacións

21 actuacións

11 actuacións

63,2M€

14,2M€

         582.000 €

21,8M€

 

Construción e ampliación

Esta planificación comprende tanto obras de grande envergadura como a dotación de instalacións fotovoltaicas e as intervencións de pequena e mediana envergadura. As primeiras teñen períodos de execución de varios meses, de aí que as actuacións se desenvolvan en convivencia coa actividade escolar, algo no que a Consellería ten moita experiencia como demostra, por exemplo, a ambiciosa rehabilitación integral desenvolta no IES Valle-Inclán de Pontevedra, a de maior importancia con case 5M€. As obras de menor complexidade céntrase maioritariamente no verán, un momento en que se intensifica especialmente a actividade para aproveitar as vacacións do alumnado.

Como grandes obras inclúese a creación de novos centros, como a do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros (Ourense), o colexio do Milladoiro (Ames) ou o futuro Instituto IES Domingo Villar (Vigo). Estes dous últimos serán os primeiros centros educativos construídos de xeito íntegro baixo os parámetros do plan no que atinxe á accesibilidade, a flexibilidade e á relación coa contorna.

Cómpre salientar tamén as grandes ampliacións, casos que na súa meirande parte supoñen a construción de novos edificios e talleres. En concreto, a Xunta está a ampliar 43 centros de ensino cun investimento de case 68M€ para atender as necesidades de matrícula e de formación do alumnado. Están xa rematadas aos do institutos IES Sanxillao (Lugo, 1,8M€), IES Xesús Ferro Couselo (Ourense, 3,3M€) ou a do Centro Integrado de FP Carlos Oroza (Pontevedra, 2,8M€). Ademais, están xa en marcha outras de gran envergadura como a ampliación do Instituto IES Aquis Celenis (Caldas de Reis, 5,4M€) ou a do Centro Integrado de FP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa, 3,7M€).

Cambio de cubertas, fiestras, iluminación

Ademais, e no marco do compromiso do Plan de nova arquitectura pedagóxica de avanzar na eficiencia enerxética dos centros educativos, as grandes obras inclúen tamén rehabilitacións integrais e as melloras sectoriais, estas últimas incluíndo cambios de cubertas, de luminarias ou de fiestras, principalmente. Todas elas están encamiñadas a mellorar o confort térmico e acadar destacados aforros no consumo de luz e calefacción.

Neste mesmo marco investíronse case 6,4M€ en dotar os centros educativos de seis instalacións de biomasa e 62 fotovoltaicas. Neste punto destaca a construción de dúas centrais de biomasa: o do rueiro educativo de Lugo que abastece diferentes centros educativos (2,2M€) e a do Colexio CEIP Xesús Golmar (Lalín, 1,1M€).

Aseos, accesibilidade, patios

A maiores, no período 2021-2024 executáronse 2.273 actuacións de pequena e mediana envergadura, orientadas a mellorar as instalacións dos centros e os seus servizos, e que van desde tarefas de pintado ata reformas de aseos, pequenas melloras de accesibilidade, obras de humanización ou arranxos de patios, entre moitas outras.

Só ao longo deste verán concéntranse 535 actuacións deste tipo nas catro provincias, por preto de 12,5M€, ao abeiro do Plan de benestar e accesibilidade na escola (Plan BEN_Estar 2024). Trátase da contía máis elevada dos últimos cinco anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/09/2024