A Xunta abre o prazo do Xuventude Crea nunha edición con máis proxección ca nunca

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para a presentación de solIcitudes, que se fará a través da sede electrónica da Administración autonómica

O período, para persoas de 18 a 30 anos, comeza mañá mércores e remata o vindeiro 10 de outubro 

A iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude achega importantes novidades como son máis oportunidades de darse a coñecer e novas categorías 

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2024

A Xunta abre ata o 10 de outubro o prazo para que os mozos e mozas interesados presenten a súa solicitude para participar na 15ª edición do certame Xuventude Crea. A convocatoria, que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, ofrece á mocidade, de entre 18 e 30 anos, a oportunidade  de mostrar o seu talento artístico en moi diversas disciplinas funcionando como unha canle de divulgación e como un trampolín para dar a coñecer as súas propostas.

Este ano, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude aposta por darlle aos participantes na iniciativa unha maior visibilidade, promoción e oportunidades no sector, incidindo na mellora da proxección do talento da mocidade e mantendo a finalidade de estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación.

Ademais, desde o Goberno galego preténdese reforzar a transversalidade das políticas públicas en materia de xuventude e a coordinación entre distintos departamentos da Administración Autonómica como a Secretaría Xeral de Emigración, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ou a Axencia Galega das Industrias Culturais. Neste senso, por primeira vez ábrese a iniciativa á participación das persoas galegas residentes no exterior, que poderían viaxar á Comunidade no caso de chegar á final mediante a Estratexia Galicia Retorna. Ademais, grazas aos Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego os responsables das obras gañadoras terán a posibilidade de ser seleccionados para un programa de formación e mentoring para poñer en marcha o seu proxecto.

Ao abeiro desta convocatoria os mozos e mozas creadoras verán incrementadas nesta edición as súas oportunidades de dar a coñecer as propostas premiadas en eventos de referencia no sector artístico internacional. 

O prazo de presentación de solicitudes, que se fará a través da sede electrónica da Xunta, iniciarase mañá, mércores, e rematará o 10 de outubro. 

16 especialidades

O Xuventude Crea 2024 contará con 16 categorías, dúas máis que o ano pasado. Así incorpórase a modalidade de DJ e creación de contido, atendendo aos intereses actuais da xente moza. Ademais, dentro da especialidade de teatro créanse dúas seccións con cadanseus recoñecementos. O apartado Amador está aberto a grupos de teatro xuvenís vinculados a centros de educación secundaria, grupos amadores ou escolas municipais, entre outros. Por outra banda, o apartado Pro está destinado a compañías de nova creación, profesionais emerxentes e grupos formados por alumnado ou egresados da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. Cómpre sinalar que neste último, ademais do premio económico, o Centro Dramático Galego poderá apoiar ás persoas ou compañías gañadoras impulsando o lanzamento do seu proxecto artístico.

O certame complétase coas disciplinas de artes plásticas, fotografía, moda, deseño de xoias, arte urbana, música, cociña, videocreación, banda deseñada, novela curta, creación de videoxogos, poesía e danza. 

Para dar a coñecer os traballos e os premiados organizaranse varias exposicións e eventos finais. Uns recoñecementos que se outorgarán oficialmente nunha gala prevista para mediados de decembro. Este ano, por cada categoría, ademais das vantaxes de promoción, os premios económicos serán de 2.000€ para o primeiro, 1.500 para o segundo e 1.000 para o terceiro.

Data de actualización: 10/09/2024