O director xeral de Cultura inaugurou a mostra, que pode verse ata o 15 de novembro

A Xunta reúne no Museo do Mar de Galicia un cento de gravados de Dalí para unha edición especial de ‘A Divina Comedia’ de Dante Alighieri

Anxo M. Lorenzo destaca que a exposición conta cun espazo en homenaxe a Darío Xohán Cabana, tradutor da obra ao galego

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salienta que forma parte das 70 mostras da programación expositiva de 2026 do Goberno galego “como motor cultural da Galicia Calidade“

Vigo, 1 de outubro de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe no Museo do Mar de Galicia en Vigo a exposición Dante Dalí, na que a Xunta exhibe no seu centro museístico un cento de gravados realizados por Salvador Dalí para unha edición especial de A Divina Comedia, de Dante Alighieri, publicada entre 1960 e 1964 en seis volumes.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inscribiu esta mostra dentro das 70 mostras que forman parte da programación expositiva do Goberno galego “como motor cultural da Galicia Calidade” e que está organizada conxuntamente co Museo do Gravado á Estampa Dixital e a Societá Dante Alighieri de Vigo.

Na inauguración, Anxo M. Lorenzo salientou que este proxecto expositivo conta cun espazo en homenaxe ao escritor Darío Xohán Cabana, “tradutor da Divina Comedia ao galego é unha das figuras máis destacadas da cultura galega contemporánea”. Precisamente, salientou que o percorrido da mostra dá comezo na mesma sala na que se pon en valor a súa “contribución á difusión da obra de Dante e á tradución literaria en lingua galega”.

Ademais, explicou que este espazo conta cunha peza audiovisual, onde se recolle algunha das súas últimas aparicións públicas e acompáñase de imaxes de diferentes actividades promovidas pola Società Dante Alghieri Vigo, que tiveron lugar tanto na Colexiata e no Museo de Arte Contemporánea-MARCO da cidade olívica, como outras desenvolvidas pola Universidade de Santiago de Compostela.

Completa esta homenaxe un texto biográfico en galego e italiano que presenta os principais fitos da súa traxectoria do autor galego e amplíase cunha vitrina dedicada ás súas traducións vinculadas á obra de Dante, entre as que destacan as edicións galegas da A Divina Comedia e a Antoloxía do Doce Estilo Novo.

Xunto aos gravados do artista surrealista exhíbese un fondo bibliográfico que permite ter unha perspectiva das diferentes edicións históricas de A Divina Comedia e coñecer a ampla difusión internacional ao longo dos anos. Ademais, amósanse dous exemplares de especial interese, como son un incunable da obra de Dante Alighieri, datado en 1481, e unha edición deste mesma obra publicada en 1578.

Gravados de ‘A Divina Comedia’

A exposición Dante Dalí pode verse ata o 15 de novembro e distribúese seguindo a estrutura de A Divina Comedia. Polo tanto, organízase en tres ámbitos diferenciados. O primeiro deles sería o Inferno, integrado por 34 gravados correspondentes á primeira cántica; a continuación, o do Purgatorio, con 33 obras, e, finalmente, séguelle o Paraíso, co mesmo número de gravados. Deste xeito, esta disposición permite seguir o percorrido narrativo do libro de Dante a través dos tres reinos que conforman a súa viaxe literaria.

Data de actualización: 01/10/2026