A Xunta convoca cinco novos cursos básicos para persoal das agrupacións de voluntarios de protección civil

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das accións formativas, que se desenvolverán de xeito descentralizado

Suman 155 prazas no marco do plan formativo da Academia Galega de Seguridade Pública para o segundo semestre de 2024

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a realización de cinco edicións do curso básico para persoal das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). O conxunto de accións formativas oferta 155 prazas e realizarase de xeito descentralizado para facilitar a asistencia.

Así, haberá cursos semipresenciais no Pereiro de Aguiar, no Porriño e en Valga, con 35 prazas cada un deles. As correspondentes sesións suman 32 horas lectivas, das que 10 son de carácter práctico. A maiores, impartiranse cursos presenciais nos concellos da Coruña e de Oroso, con 25 prazas e 32 horas lectivas en cada caso.

Trátase de formación preceptiva para o exercicio das funcións de voluntariado nas AVPC, con contidos centrados nos riscos, accidentes e autoprotección, na  loita contra os incendios, nas comunicacións e nas actuacións básicas ante emerxencias médicas, entre outros temas.

O prazo de inscrición ábrese mañá e prolóngase ata o 23 de setembro. Deberá facerse a través do formulario habilitado na web da Agasp (http://agasp.xunta.gal).

Centro formativo de referencia

Estas actividades súmanse ao plan de formación continua da Agasp deste ano no eido das emerxencias, que inclúe 41 cursos cun milleiro de prazas. A maiores ofértanse accións formativas dirixidas ao persoal dos corpos e forzas de seguridade e xornadas de interese xeral.

A Agasp é o centro de referencia na formación tanto das forzas e corpos de seguridade en Galicia e como dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do traballo diario destes profesionais e voluntarios, co obxectivo de garantir a seguridade da poboación. Desde a súa posta en funcionamento en 1993 formou arredor de 170.000 persoas.

Data de actualización: 11/09/2024