Rueda anuncia que a Xunta asumirá o 60% da suba do canon de Sogama provocada polas decisións do Goberno central

Rueda sinala que estes fondos axudarán aos concellos a minimizar as repercusións sobre a cidadanía

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2024

O presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta de Galicia asumirá o 60% da suba do canon que cobra Sogama polo procesamento de residuos aos concellos adheridos, e que subirá en 2025 por mor dos novos impostos introducidos polo Goberno central e as bonificacións eliminadas sen previo aviso.

Durante a sesión de control do Pleno do Parlamento de Galicia, a unha pregunta sobre as prioridades do Goberno galego ante os retos que afronta Galicia, Rueda indicou que, dos 42 euros por tonelada que se prevé que se incremente o canon, a Xunta de Galicia farase cargo cos seus fondos de 24, que transferirá aos concellos.

Para o presidente, a prioridade da Xunta é unha Galicia “de todos” e que medra en oportunidades para que os mozos e mozas “teñan futuro”. Neste sentido, dos 14 compromisos que o Goberno galego estableceu para os seus primeiros 100 días, “xa están en marcha todos”.

Financiamento do hospital Álvaro Cunqueiro

Tamén durante a sesión de control, o presidente da Xunta recalcou que o informe do Consello de Contas sobre a construción do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo nega ata catro veces que se asumisen “sobrecustos” nas obras. Así, reiterou que a modalidade de contratación que se aplicou era a única posible durante a crise económica e que permitiu que a cidade máis grande de Galicia conte desde 2015 cun dos mellores hospitais de España.

Así mesmo, Rueda recordou algunhas das cifras que avalan o funcionamento deste hospital: 4000 cirurxías ao ano, case un 15% máis que no vello Hospital Xeral; case catro veces máis probas diagnósticas e unhas dimensións que se demostraron axeitadas para abordar o reto sanitario que supuxo a pandemia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2024