O presidente visitou a reforma do centro IES Valle-Inclán en Pontevedra
Rueda anuncia un novo plan de investimentos para mellorar as infraestruturas educativas ata 2028 dotado cun orzamento inicial de máis de 210 M€
Destaca as obras de rehabilitación dun “edificio emblemático e con moita historia” coma o IES Valle-Inclán nas que a Xunta inviste 4,7 M€
Salienta que o curso escolar 2024-2025 é o primeiro no que Galicia aplica a gratuidade en todas as etapas educativas desde as escolas infantís ata a universidade
O novo curso arranca cun incremento récord de profesorado, a redución dos rateos ou a mellora da atención á diversidade
Pontevedra, 11 de setembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo fincapé hoxe no éxito do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, iniciado en 2021, “para adaptar os diferentes edificios ás novas necesidades” do ensino público e anunciou un novo plan de mellora das infraestruturas educativas “para os vindeiros tres anos” que contará cun orzamento inicial de máis de 210 millóns de euros. O obxectivo é poder levar a cabo preto de 200 intervencións no período 2025-2028.
Así o salientou durante unha visita ao IES Valle-Inclán de Pontevedra, na que estivo acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, coincidindo co inicio do novo curso académico. Este mesmo centro está a ser obxecto, a través dun investimento público de 4,7 M€. O presidente fixo fincapé na importancia desta rehabilitación -que estará rematada a principios do ano que vén- xa que se trata “dun edificio emblemático e con moita historia”.
O titular do Goberno galego quixo aproveitar para destacar a importancia do labor docente ao mesmo tempo que salientou os avances no sistema educativo galego nas últimas décadas, facendo referencia aos logros en excelencia, equidade e innovación. Cómpre destacar os bos resultados obtidos polos estudantes galegos no informe PISA e a redución da taxa de abandono escolar a mínimos históricos –apenas supera o 9 %–, así como a posición de Galicia como líder en equidade a nivel nacional e unha das comunidades autónomas mellor equipadas tecnoloxicamente.
Gratuidade en toda a etapa escolar
Neste contexto, Rueda lembrou que o curso escolar 2024-2025 será o primeiro no que Galicia implanta a “absoluta gratuidade” no ensino público “desde os inicios ata a universidade”.
Ademais, outras das novidades para este curso, froito dun acordo histórico cos sindicatos, son o incremento récord do profesorado, a redución dos rateos nun 20 %, a mellora da atención á diversidade ou o Plan MEGA, orientado a fomentar o éxito escolar do alumnado con medidas como a atención ás necesidades educativas especiais, entre outras.