A Xunta executará un itinerario peonil na estrada PO-313 ao seu paso polo barrio de Broullón en Moaña ao abeiro dunha nova fase do plan de sendas
O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, confirmou no Parlamento que esta senda abranguerá máis de 2,4km en tres tramos entre A Porta do Cego ata o Mirador da Fraga
Subliñou que se trata dunha obra complexa, aínda que se espera levar a información pública a efectos expropiatorios no primeiro semestre do vindeiro 2025, de xeito que se inicie así o proceso para a súa aprobación e licitación da execución das obras
O financiamento da obra está garantido cos fondos europeos FEDER 21/27
Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2024
O director da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta, Francisco Menéndez, confirmou hoxe nunha intervención no Parlamento que a Xunta, ao abeiro dunha nova fase do Plan de Sendas, executará un itinerario peonil de 2,4km no tramo entre A Porta do Cego e o Mirador da Fraga no treito da estrada autonómica PO-313 que transcorre polo barrio de Broullón, no municipio de Moaña.
Menéndez destacou que neste momento a Xunta estivo avaliando, desde o punto de vista da necesidade, funcionalidade e da viabilidade, novas actuacións prioritarias para continuar o Plan de Sendas de Galicia, que xa permitiu habilitar case 300 quilómetros de novos itinerarios peonís e ciclistas en estradas de titularidade autonómica desde 2016. Cómpre lembrar que no caso da comarca do Morrazo, a Xunta habilitou 8 itinerarios peonís “seguros, sostibles e integrados na paisaxe”, cun investimento de 5,6M€ para acadar os 9 quilómetros de sendas.
O director da AXI subliñou que, no que atinxe á citada PO-313, está confirmado que será incluído nesta nova fase. Identificáronse en concreto tres treitos na parte da estrada que atravesa o concello de Moaña nos que é necesario executar unha senda ao contar con presenza de vivendas nas marxes da estrada. O primeiro sitúase entre os pk 11+600 e 12+920, en Broullón, máis arriba do enlace da autovía, no que se habilitarían 1,3 km de senda, mentres que o segundo está entre os pk 13+690 e 14+180, un treito máis abaixo do enlace da autovía, no que serían 490 m de senda. Por último, o terceiro tramo abrangue do pk 14+630 ao 15+260, enlazando o treito máis urbano co que conta con beirarrúas nunha das marxes, que conformaría 630 metros de senda.
Menéndez destacou que se trata “dunha actuación con alta dificultade de execución polas características topográficas da estrada”, a media ladeira e con vivendas en ambas marxes e servizos afectados.
Decidiuse encargar o proxecto á Asistencia Técnica de redacción de proxectos da Axencia Galega de Infraestruturas na provincia de Pontevedra e, segundo sinalou Menéndez, a previsión é que poida ser sometido a información pública a efectos expropiatorios no primeiro semestre do ano 2025, de modo que se inicie así o proceso para a súa aprobación e licitación da execución das obras. En paralelo, aprobarase a seguinte fase do Plan de Sendas de Galicia, polo que o financiamento da actuación está garantido cos fondos europeos FEDER 21/27.