O presidente da Xunta participou xunto ao seu homólogo no Principado de Asturias, Adrián Barbón, nos ‘Encontros no Eo’

Rueda defende unha reforma do financiamento autonómico que sexa multilateral, “canto antes” e con recursos suficientes para todas as comunidades

Advirte que a reforma non debe pasar en ningún caso por unha “suba de impostos” que repercuta en empresas e cidadáns

Defende o turismo como un motor económico da comunidade autónoma e recorda que a maioría dos galegos o perciben de forma positiva

Aposta por aproveitar as “enormes oportunidades” que ten Galicia na industria “do futuro”

Pon en valor a capacidade de Galicia de ser un referente en enerxía eólica e eólica mariña grazas a súa capacidade industrial e recursos naturais

Recorda que Galicia é a única comunidade autónoma con todo o ensino gratuíto, desde infantil á universidade

Viveiro (Lugo), 12 de setembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu hoxe unha reforma do financiamento autonómico que se acometa “canto antes”, nun marco multilateral e que estea dotada cos recursos suficientes para cubrir  o custo de prestación de servizos que deben afrontar Galicia e o resto de comunidade autónomas.

Así o sinalou hoxe durante a súa participación nos Encontros no Eo, organizados por La Voz de Galicia, e no que mantivo un debate co seu homólogo no Principado de Asturias, Adrián Barbón.

Rueda precisou que “ningunha comunidade estamos suficientemente financiadas”,  polo que avogou por un modelo que se basee nas necesidades de gasto, “porque o que importa é o que custa a prestación de servizos aos habitantes do territorio”, non o investimento per cápita. Neste sentido, recordou o impacto que teñen factores como o envellecemento ou a dispersión na prestación de servizos en comunidades como Galicia.

O presidente galego insistiu en que a reforma non pode pasar por unha “suba de impostos” que repercuta en empresas e cidadáns, e reafirmou a necesidade de que sexa froito da multilateralidade –“teremos que sentarnos entre todos”- e que manteña como principios os valores da solidariedade e o equilibro territorial en todo o país.

Turismo e industrialización

No encontro, tamén abordaron o estado do turismo en ambas comunidades. O presidente galego puxo en valor o turismo como un sector “estratéxico” e “tesouro compartido” con Asturias. Fixo fincapé no seu peso económico -representa máis do 10% do PIB da comunidade- e no nivel de emprego que xera. Durante a súa intervención, rexeitou a turismofobia que, apuntou, “non representa á maioría dos galegos”. “Se o facemos ben, aquí cabemos todos”, engadiu, e recordou que Galicia está tomando iniciativas á hora de regular fluxos de visitantes, desestacionalizar, desconcentrar e apostar, en xeral, por un turismo sostible.

Ademais, defendeu as “enormes oportunidades” que ten Galicia para aproveitar a industria “do futuro”. Por iso, amosou a súa preocupación pola paralización de certos sectores, como o eólico, que lastran este crecemento. Neste sentido, tamén reivindicou a necesidade de que o Goberno central mobilice os fondos europeos destinados á industria para financiar proxectos transformadores da economía.

En canto á enerxía eólica e eólica mariña, defendeu a capacidade da comunidade, tanto a nivel industrial como de recursos naturais, para ser un referente nestes sectores. En concreto, sobre a eólica mariña, incidiu en que constitúe toda  unha “oportunidade” sempre que estea regulada e sexa compatible co sector pesqueiro.

Na súa intervención, fixo fincapé na importancia do sector primario, no que Galicia é líder en moitos aspectos, como no lácteo, e sinalou a necesidade de seguir avanzando no remuda xeracional para garantir que se manteñan abertas explotacións que son viables, así como na transformación dos produtos co obxectivo de que o sector sexa cada vez máis rendible.

Grandes proxectos de lexislatura

Por último, ambos presidentes fixeron un repaso polos grandes proxectos da lexislatura. Coincidindo co inicio do curso, Rueda destacou que este é o primeiro ano no que a educación en Galicia será “absolutamente gratuíta”. De feito, é a única comunidade autónoma con todo o ensino gratuíto, desde a infantil á universidade, logo de que se implantase por primeira vez a matrícula gratuíta nos estudos superiores, o que suporá un aforro medio de 3.000 euros por alumno.

En canto á demografía, destacou a evolución positiva do censo na Galicia dos últimos anos e puxo en valor iniciativas como a Estratexia Retorna, que está permitindo a volta de moitos galegos do exterior.

Data de actualización: 12/09/2024