Un total de 50 galegos do exterior benefícianse este curso das bolsas do Programa Retorna Talento FP

O lugar de procedencia das persoas beneficiarias é maioritariamente A Arxentina, seguido do Uruguai, Brasil, Venezuela, Cuba, Panamá, Australia e Alemaña

Estudarán no CIFP Someso, no CIFP Ferrolterra, no IES de Chapela, no CIFP de Vilamarín e no CIFP Universidade Laboral de Culleredo

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2024

Un total de 50 galegos do exterior cursarán FP galega este curso a través das bolsas do Programa Retorna FP. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de publicar a listaxe de persoas admitidas. En total recibíronse 112 solicitudes, fronte ás 93 da convocatoria anterior, das que 35 foron desestimadas por non presentar a documentación ou non cumprir as condicións requiridas na convocatoria.

A modalidade con máis solicitudes é a de FP Dual a distancia, con 40 admitidos para as 60 prazas ofertadas. Neste caso, os seleccionados poderán iniciar a súa formación académica no país de orixe e completala coa parte práctica en empresas en Galicia, en función da estrutura dos dous cursos que compoñen cada ciclo.

Así pois, durante o primeiro curso, os estudantes realizarán a primeira parte a distancia desde o país de orixe e unha segunda parte presencial nas empresas seleccionadas a través de convenios con firmas referentes das contornas dos centros e dos sectores correspondentes.

No segundo curso académico, haberá unha primeira parte en modalidade semipresencial no centro de formación e unha segunda parte presencial na empresa. Recibirán unha bolsa de 10.800 euros cada un para afrontar os gastos asociados como a viaxe desde o seu país de procedencia, aloxamento e manutención en Galicia e subscrición dun seguro médico, de ser o caso.

As persoas admitidas por ciclos ofertados son as reflectidos na seguinte táboa:

Concello

Centro

Ciclo de FP Dual

Admitidos

A Coruña

CIFP Someso

Ciclo superior de Proxectos de edificación

10

Ferrol

CIFP Ferrolterra

Ciclo superior de Deseño e amoblamento

11

Redondela

IES de Chapela

Ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia

7

Vilamarín

CIFP de Vilamarín

Ciclo superior de Xestión de aloxamentos turísticos

12

As persoas beneficiarias, con idades comprendidas entre os 17 e os 45 anos, proceden da Arxentina (22), O Uruguai (5), Brasil (5), Venezuela (4), Cuba (1), Panamá (1), Australia (1), Alemaña (1).

Formación específica básica

Na modalidade para cursar Programas específicos básicos de FP, a bolsa é de 6.500 euros por alumno. Os 10 alumnos admitidos cursarán o programa formativo en Fontanería, calefacción, electricidade e telecomunicacións en edificios. Esta formación específica básica impártese no CIFP Universidade Laboral de Culleredo.

As persoas beneficiarias, con idades comprendidas entre os 17 e os 44 anos, proceden de Arxentina (6), Uruguai (2), Brasil (1), Cuba (1), Venezuela (1) .

Case 1 M€ de investimento

O Goberno galego destina case 1 M€ a esta iniciativa, que forma parte da Estratexia Galicia Retorna, coa que o Goberno galego quere incentivar que os galegos residentes no estranxeiro -tanto emigrantes coma descendentes destes- regresan a formarse á súa terra de orixe e incorporarse ao noso mercado laboral.

Búscase tamén que a sociedade galega se enriqueza cos coñecementos e as experiencias profesionais internacionais que acheguen estas persoas que residiron ou naceron no estranxeiro.

Como novidade fronte ás convocatorias anteriores, este ano ampliouse a idade límite das persoas solicitantes, pasando dos 40 aos 45 anos, favorecendo así que un maior número de persoas galegas que queiran retornar a Galicia poidan facelo acadando unha Formación Profesional recoñecida que posibilite a súa incorporación ao mercado laboral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2024