O director de Turismo de Galicia participa na 2ª Comisión de Seguimento da España Verde en 2024 con representantes de Asturias, Euskadi e Cantabria e Turespaña

A Xunta incorpora máis de 100 empresas galegas e seis espazos protexidos á nova ruta de ecoturismo do norte peninsular que estará lista o vindeiro ano

Participan un total de 331 empresas turísticas locais das catro comunidades autónomas situadas en 25 espazos protexidos da España Verde e permitirá realizar actividades como observación da fauna, turismo activo entre outras

Tamén se anunciou que se intensificará a internacionalización con accións nos principais mercados emisores, Portugal, Alemaña, Italia, Suiza, Francia ou Austria

Cambados (Pontevedra), 13 de setembro de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na segunda Comisión de Seguimento neste 2024 da marca turística España Verde, que este ano coordina a comunidade autónoma galega. No encontro tamén participaron a viceconselleira de Turismo do Goberno do Principado de Asturias, Lara Martínez; o director xeral de Turismo do Goberno de Cantabria, Gustavo Cubero; o viceconselleiro de Turismo e Comercio do Goberno Vasco, Jakes Agirrezábal e o subdirector xeral de Marketing de Turespaña, Enrique Ruíz de Lera.

No encontro deuse conta da actividade levada a cabo nestes meses nos que se está a avanzar nun dos proxectos centrais desta etapa, como o Corredor de Ecoturismo da España Verde, co que se pretende crear a maior ruta ecoturística de Europa co financiamento de fondos Next Generation. Nestes momentos hai un total de 331 empresas turísticas locais ubicadas nos 25 espazos protexidos participantes das catro comunidades autónomas.

Destas empresas, 114 son galegas e están situadas en seis espazos protexidos: Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Orobio e do Courel, Xeoparque Montañas do Courel, Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá e Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras do Burón.

Sostibilidade

As empresas están a ultimar os produtos que formarán parte desta gran ruta que atravesará os principais lugares de interese natural da España Verde con actividades vinculadas á observación da fauna ou actividades de turismo activo, entre outras.

Xosé Merelles salientou o compromiso de Galicia por afondar nos vindeiros meses na internacionalización desta marca conxunta do norte peninsular ao redor de recursos similares como o Camiño do Norte, o patrimonio histórico artístico ou mesmo o surf, con distintas viaxes de prensa e familiarización en colaboración coas oficinas de turismo en España para os principais mercados emisores como Alemaña, Italia, Suiza, Francia ou Austria, entre outros. Tamén explicou que se levará a cabo unha acción de destino con marcado carácter gastronómico en Oporto, entre outras actuacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/09/2024