A Xunta levará a campaña 'Veráns de Lecer Consumo' a arredor de 25 localidades galegas durante o que resta do mes de agosto

A través desta campaña do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, o Goberno galego reforza a aposta pola educación transversal en materia de consumo responsable chegando a 5.800 persoas de 91 concellos con máis de 255 actividades

O programa, de carácter gratuíto, está composto por distintas propostas adaptadas ás diferentes idades centradas en cuestións como os dereitos das persoas consumidoras e usuarias, a publicidade ou o consumo na rede

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2026

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), continúa a desenvolver a campaña Veráns de Lecer Consumo, un programa gratuíto posto á disposición de todos os concellos galegos co obxectivo de fomentar entre a infancia e a mocidade hábitos de consumo responsable mediante propostas educativas e de lecer. Ao longo do que resta do mes de agosto, a campaña reforzará a súa presenza sobre o territorio cun calendario que chegará a arredor de 25 localidades das catro provincias galegas. Así, no total da campaña chegarase a máis 5.800 persoas de 91 concellos con máis de 255 actividades.

O programa está composto por distintas propostas adaptadas ás diferentes idades das persoas participantes e centradas en cuestións como o consumo responsable, os dereitos das persoas consumidoras e usuarias, a publicidade ou o consumo na rede. Así, inclúense Xogueteando: un lecer diferente, dirixida a nenas e nenos de entre 3 e 6 anos, e A xincana do consumo responsable, para rapazas e rapaces de entre 7 e 12 anos, ás que se suman outras propostas como Publicistas por un día, Dereitos das persoas consumidoras ou actividades específicas sobre consumo dixital.

A través desta campaña, a Xunta reforza a súa aposta por unha educación transversal en materia de consumo mediante un modelo de lecer alternativo que contribúe a formar persoas consumidoras conscientes, solidarias e responsables, comprometidas coa súa contorna, coñecedoras dos seus dereitos e activas para defendelos.

Ata finais de mes, na provincia da Coruña, a campaña fará parada nos municipios de Culleredo, Carral, Ferrol, Sobrado, Coirós e Teo. En Lugo, as accións previstas celebraranse en concellos como Guitiriz, A Pobra do Brollón, Cervo, Quiroga, Pantón, Viveiro e Barreiros. Pola súa banda, Ourense acollerá actividades en Amoeiro, A Peroxa, Vilamarín, Esgos, Petín, Maside e Sandiás, mentres que en Pontevedra a programación chegará a Agolada, Silleda, Ponte Caldelas, O Porriño, O Rosal, Sanxenxo e Ponteareas. Deste xeito, a campaña segue ampliando a súa implantación no territorio e consolidándose como unha ferramenta de sensibilización en materia de consumo responsable durante o período estival.

Escola Galega de Consumo

Esta iniciativa compleméntase co labor permanente da Escola Galega do Consumo, dependente do IGCC, que durante o primeiro semestre deste ano chegou a preto de 16.300 persoas a través dos seus programas educativos sobre consumo responsable, entre eles o programa CORES, os programas estacionais, as iniciativas Consumo Accesible e Consumo Sénior, a formación dirixida a profesionais do ámbito do consumo e as sesións divulgativas dos Venres de Consumo, abertas ao conxunto da cidadanía.

Data de actualización: 09/08/2026