A Xunta leva a Artesanía de Galicia a Merza co obxectivo de promover a comercialización do produto artesán e dinamizar o rural

A iniciativa ‘Artesanía de Galicia en Merza’ é un programa de feiras mensuais impulsado polo Goberno galego en colaboración co obradoiro Eferro que se están a celebrar dende o pasado mes de abril

Ata as 20,00 h. desta tarde celébrase no Eferroghalpón a edición do mes de agosto deste evento na que se inclúe a participación de oito obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia e un taller aberto de pintura sobre téxtil

A programación complétase coa actuación musical do grupo Feitizo de Pau ás 13,30 h. e o monólogo de Leti da Taberna, que terá lugar a partir das 19,00 h.

Vila de Cruces (Pontevedra), 8 de agosto de 2026

A Fundación Artesanía de Galicia celebra hoxe unha nova edición da iniciativa ‘Artesanía de Galicia en Merza’, un calendario de feiras mensuais de comercialización do produto artesán galego que está a impulsar dende o mes de abril en colaboración co obradoiro Eferro, no seu espazo de actividades culturais e lúdicas EferroGhalpón. O obxectivo desta iniciativa é promover a venda directa da artesanía galega, consolidar a marca Artesanía de Galicia e dinamizar o rural a través dun evento mensual no que se incorporan obradoiros abertos de iniciación a diferentes técnicas, música e gastronomía.

Na edición de agosto participan oito obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia e especializados na xoiería, na sombreirería, na cerámica, no traballo co feltro, na elaboración de instrumentos musicais, na madeira torneada e nos complementos de moda. Trátase dos obradoiros Eva Casais (Vigo), Feltralía (Narón), Julia Vilariño (Pontedeume), Nacho Carballal (Soutomaior), Nobelo a nobelo (Vedra), Sanín Percusión tradicional (Santiago de Compostela), SOFO (Ribeira) e Obradoiro Hedra (Vilaboa), todos eles pertencentes a Artesanía de Galicia.

Durante a feira estase a celebrar tamén o obradoiro de pintura sobre téxtil impartido por Leonor Díaz, de Como Pez en el Agua (Vigo), que se celebra no mesmo horario da feira ata as 19, 00 h., momento no que está prevista a actuación de Leti da Taberna, que ofrecerá un monólogo para os asistentes. As entradas están á venda na propia feira. A programación do evento complétase coa actuación musical de Feitizo de Pau e a comida da Pulpeira do Carballiño Mario e Laura a partir das 13,30 h.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/08/2026