O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración mantivo hoxe unha reunión con UGT-Galicia e a CEG no marco do traballo que se está a realizar ao abeiro do Diálogo Social

A Xunta e os axentes sociais asinan o acordo do Plan integral de mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo

Agora o seguinte paso será a tramitación administrativa do documento coas medidas concretas e a dotación orzamentaria correspondente para a súa aprobación polo Consello da Xunta, previsiblemente no mes de setembro

José González destaca que a folla de ruta busca reducir as baixas evitables, mellorar os procesos de xestión e promover un uso responsable do sistema de protección, sempre respectando os dereitos lexítimos das persoas traballadoras

Ademais, avanza que Galicia será a primeira comunidade autónoma en impulsar un mecanismo de acompañamento á reincorporación ao traballo tras unha baixa laboral con medidas que contribúan a evitar recaídas

A Xunta promoverá tamén o acompañamento para que as empresas galegas vaian máis alá dos mínimos legais en prevención e benestar laboral, atendendo á realidade dun tecido produtivo, formado maioritariamente por autónomos e microempresas

Asemade, o plan incluirá medidas para optimizar a xestión das incapacidades temporais no eido sanitario e solicitará ao Goberno central melloras nas baixas laborais de máis de 365 días, que son de competencia exclusiva estatal

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2026

O Goberno galego e os axentes sociais asinaron hoxe o acordo do Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029, resultado do proceso de traballo desenvolvido nas últimas semanas no marco do Diálogo Social. A sinatura tivo lugar durante a reunión mantida esta mañá polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, co secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, e co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, ademais doutros representantes de ambas as dúas entidades.

Con esta firma, Galicia dá un paso clave para dotarse dunha folla de ruta que permitirá reforzar a prevención e o benestar laboral, mellorar a xestión das incapacidades temporais e avanzar cara a un modelo pioneiro de reincorporación ao traballo tras unha baixa laboral. Agora a seguinte fase será a tramitación administrativa do plan, coas medidas concretas e a dotación orzamentaria correspondente, para a súa aprobación polo Consello da Xunta, previsiblemente no mes de setembro.

O conselleiro cualificou o acordo acadado hoxe como "un fito" que demostra a eficacia do Diálogo Social —institucionalizado en Galicia por decreto este ano— e agradeceu o compromiso e o labor desenvolvido por UGT-Galicia e a CEG na procura de solucións a un asunto de elevado impacto económico para o conxunto da economía galega.

González lembrou que o obxectivo do plan é reducir as ausencias ao traballo evitables e mellorar a saúde das persoas traballadoras, respectando os seus dereitos lexítimos. Para conseguilo, estruturarase arredor de tres grandes eixes: reforzar a prevención e o benestar laboral; mellorar a atención e os procesos de xestión das incapacidades temporais por continxencias comúns; e promover a corresponsabilidade e o uso responsable do sistema de protección.

Galicia, comunidade pioneira en benestar laboral

Neste marco, unha das principais novidades será a aposta por converter Galicia na primeira comunidade autónoma en impulsar un mecanismo de acompañamento á reincorporación das persoas traballadoras tras unha baixa laboral, con medidas que contribúan a evitar recaídas.

O plan tamén fará especial fincapé na mellora da prevención e do benestar laboral mediante a aprobación e o despregamento da Estratexia de Benestar Laboral, xa en elaboración, así como co reforzo do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), para intensificar o seu labor. Así mesmo, e tendo en conta o tecido produtivo galego, integrado maioritariamente por persoas autónomas e microempresas, promoverase o acompañamento e apoio para a adopción voluntaria por parte das empresas de medidas de prevención e benestar laboral que vaian máis alá das obrigas legais, favorecendo contornas de traballo máis saudables e mellor clima laboral.

Estas actuacións complementaranse con medidas no ámbito sanitario dirixidas a optimizar a xestión das incapacidades temporais, reducindo cargas administrativas e mellorando os procesos asistenciais, sempre baixo o criterio clínico dos profesionais sanitarios. De feito, neste sentido o conselleiro incidiu en que a Xunta nunca puxo en dúbida o dereito á saúde das persoas traballadoras nin a protección sanitaria e económica durante unha baixa laboral nin o devandito criterio clínico dos profesionais do Servizo Galego de Saúde. No que ten que ver co uso responsable do sistema de protección, tamén se incide en facer fronte a posibles casos, que son minoritarios, de abuso da prestación.

Ademais, a Xunta incluirá no plan a solicitude ao Goberno central de melloras en cuestións da súa competencia exclusiva, como a xestión das baixas laborais de máis de 365 días, unha problemática con especial incidencia en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2026