A Xunta adxudica por máis de 256.000 euros o contrato para a explotación, conservación e mantemento da presa de Baiona
O servizo, cun prazo de execución de 24 meses, busca garantir a funcionalidade desta infraestrutura e o cumprimento das obrigas en materia de seguridade
A adxudicación inclúe tamén outras cuestións como a xestión dos dispositivos de control, órganos de desaugadoiro, equipamentos auxiliares ou os sistemas de comunicación e seguridade
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2024
A Xunta, a través de Augas de Galicia, adxudicou recentemente o contrato do servizo para a explotación, conservación e mantemento da presa de Baiona, na provincia de Pontevedra, por un importe de algo máis de 256.000 euros.
Deste xeito, a empresa adxudicataria encargarase de xestionar esta infraestrutura, propiedade de Augas de Galicia e que encora as augas do río Baíña, garantindo a súa funcionalidade e o cumprimento das obrigas en materia de seguridade para a debida explotación desta instalación, en particular o Real Decreto 264/2021, do 13 de abril, polo que se aproban as normas técnicas de seguridade para as presas e os seus encoros.
A través deste contrato, cun prazo de execución de 24 meses, o Executivo galego garante o desenvolvemento das actuacións necesarias e axeitadas para a correcta explotación, mantemento e conservación desta infraestrutura.
Entre as tarefas que inclúe a prestación do servizo atópanse algunhas como a dirección de explotación da presa e operación dos seus equipamentos e instalacións segundo o establecido nas normas de xestión; a dirección do plan de emerxencias para o control e actuación ante posibles incidencias e a súa implantación; ou o mantemento e conservación dos órganos de desaugadoiro e tomas e equipamentos oleohidráulicos ou semellantes para o seu accionamento.
Entre as obrigas do contrato tamén están outras actuacións de mantemento e conservación que afectan ás instalacións de control do encoro -tanto dos edificios de control da explotación e accesos como dos equipamentos auxiliares-, da instalación eléctrica, do sistema de alarma e dos dispositivos de control da presa, en particular dos diferentes sistemas de comunicación, sensores e equipamentos de automatización instalados, ademais das cámaras de seguridade.
Os traballos inclúen ademais a implantación e seguimento de sistemas de prevención de riscos laborais, a redacción de informes sobre o comportamento das instalacións e a limpeza de determinados elementos desta infraestrutura.