As pistas de tenis da Freixa contará con dous novos vestiarios grazas a un convenio entre Concello e Xunta

O proxecto estará listo en aproximadamente dous meses e conta cun orzamento de preto de 60.000 euros dos cales o 80% corresponde a financiamento da Secretaría Xeral para o Deporte

O delegado territorial destacou o gran labor que está a facer o concello de Ponteareas no fomento do deporte

Ponteareas (Pontevedra), 16 de setembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as obras de instalación de dous vestiarios nas pistas de tenis da Freixa, no concello de Ponteareas.

Esta actuación, que é posible grazas a un convenio entre o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte, responde a unha demanda dos centos de xogadores que cada mes se achegas a este complexo para practicar deporte. Cabe destacar que Ponteareas conta ademais cun dos clubs de tenis máis numerosos de Galicia e unha gran afección popular por este deporte.

Neste sentido, a obra, que estará rematada en aproximadamente dous meses, conta cun orzamento de case 60.000 euros, dos cales a Xunta cubre o 80%.

O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor o traballo que se está a levar a cabo en Ponteareas en “todo o referente ao fomento do deporte e moi especialmente do deporte base”. Neste sentido, Reguera celebrou que “dentro de moi pouco os tenistas que se acheguen a Ponteareas contarán con dous novos vestiarios que farán a súa experiencia moito máis cómoda".

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2024