A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse con representantes da Entidade Urbanística de Conservación deste parque empresarial, na Pobra do Caramiñal

Ángeles Vázquez salienta o interese dos empresarios do polígono da Tomada por adaptar este espazo ás recomendacións de integración paisaxística da Xunta

Pon en valor que planee melloras na área empresarial de cara a compaxinar as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento das actividades económicas coa creación de espazos afables e integrados na paisaxe

Considera fundamental ter en conta a repercusión destes espazos industriais no medio ambiente e abordar cuestións como, por exemplo, a mellora da calidade do aire ou a redución da demanda enerxética

Desde o ano 2012, a Xunta, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), traballa de forma continuada na elaboración de guías técnicas de boas prácticas paisaxísticas dentro da Colección Paisaxe Galega

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 17 de setembro de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe o interese dos empresarios do polígono industrial da Tomada por adaptar este espazo ás recomendacións recollidas pola Guía para a integración paisaxística destas áreas que foi elaborada pola Xunta de Galicia.

Durante unha reunión que mantivo hoxe na Pobra do Caramiñal con representantes da Entidade Urbanística de Conservación deste polígono industrial, Ángeles Vázquez puxo en valor o compromiso desta asociación empresarial co fermosismo coa súa decisión de aplicar esa guía como “punto de partida e referente” para levar a cabo melloras na área industrial de cara a compaxinar as infraestruturas necesarias para o desenvolvemento das actividades económicas coa creación de espazos afables e integrados na paisaxe.

Nesa liña, segundo subliñou a conselleira, é fundamental ter en conta a repercusión destes espazos industriais no medio ambiente e abordar cuestións como, por exemplo, a mellora da calidade do aire ou a redución da demanda enerxética. A toma en consideración destes aspectos suporá un “sinal de calidade e identidade para o propio parque empresarial”, engadiu Ángeles Vázquez.

De feito, cómpre lembrar que a Guía de boas prácticas para a integración paisaxística das áreas empresariais, que tamén está dispoñible en formato dixital, fai fincapé en aspectos como o deseño xeral do polígono industrial, a integración na contorna na que se localiza, a adaptación á topografía, o coidado da imaxe dos accesos, a creación de espazos de reunión como áreas de descanso, paseos peonís ou carrís bici ou a harmonización de materiais e cores. A maiores, tamén inclúe un capítulo dedicado á elaboración de proxectos de conservación para mellorar a integración paisaxística das áreas existentes e para prever o axeitado deseño das novas.

Máis dunha ducia de publicacións desde 2012

As guías de boas prácticas e recomendacións son unha ferramenta prevista no regulamento da Lei de protección da paisaxe de Galicia para divulgar os valores paisaxísticos da Comunidade e que certo tipo de actuacións —edificacións de calquera natureza, peches, equipamentos de uso público, etc.— poidan lograr unha boa integración e un equilibrio coa contorna onde se sitúan.

Desde o ano 2012 e atendendo ás necesidades que van xurdindo, a Xunta, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), traballa de forma continuada na elaboración deste tipo de guías técnicas. Dentro da Colección Paisaxe Galega xa se publicaron 17 volumes, dispoñibles tamén en formato dixital, e hai varias guías en elaboración. Ademais, en 2022 o IET presentou o Atlas da paisaxe dos camiños xacobeos, un libro conmemorativo do Xacobeo 21-22, e puxo en funcionamento o visor interactivo A paisaxe de Galicia desde a bicicleta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2024