Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 08.30 h. de hoxe
Activo un lume no municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de máis de 20 hectáreas
Está estabilizado o incendio do concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, parroquia de Aguasantas, que afecta unha superficie estimada dunhas 20 hectáreas
Continúa activo o incendio forestal do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Barxa, que segundo as últimas estimacións afecta en torno a 90 hectáreas; mentres, segue estabilizado o que afecta á parroquia de Pentes, que afecta arredor de 200 hectáreas e evoluciona favorablemente
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2024
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 08.30 horas de hoxe mércores.
Activo Chandrexa de Queixa-Requeixo
Está activo, desde as 20.07 horas de onte martes, un lume no municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de máis de 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 6 axentes, 11 brigadas, 5 motobombas, 1 pa e 2 avións.
Activo A Gudiña-Barxa
Continúa tamén activo o incendio forestal do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Barxa, dende as 00.17 de onte martes, que afecta unha superficie provisional de en torno a 90 hectáreas. Neste lume mobilizáronse polo de agora 12 axentes, 17 brigadas, 10 motobombas, 2 pas, 4 técnicos, 8 helicópteros e 8 avións. Ademais, na súa extinción colaboraron tamén medios terrestres procedentes de Portugal.
Estabilizado Cerdedo-Cotobade-Aguasantas
Desde as 03.01 de hoxe mércores está estabilizado o incendio do concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, parroquia de Aguasantas, que se iniciou ás 17.19 horas de onte martes. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de arredor de 20 hectáreas. Polo momento mobilizáronse 12 axentes, 26 brigadas, 20 motobombas, 2 pas, 4 técnicos, 5 helicópteros e 6 avións.
Estabilizado A Gudiña-Pentes
Segue tamén estabilizado, dende as 00.13 horas de onte martes, o incendio forestal do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas e evoluciona favorablemente. Para a extinción deste lume mobilizáronse ata o de agora 16 axentes, 26 brigadas, 12 motobombas, 4 pas, 2 técnicos, 10 helicópteros e 8 avións. Tamén participaron medios portugueses.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.