A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, firmou hoxe en San Caetano o convenio coa alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, para executar as obras

Xunta e Concello de Boimorto colaboran na humanización da rúa da Sobreira e da Gándara, no lugar de Vilanova, cun investimento de 285.000 €

Trátase de habilitar beirarrúas en ambas marxes da rúa Sobreira, previa ampliación do viario existente; e executar 42 metros lineais de beirarrúa de 1,80 m de ancho na Gándara

Esta actuación forma parte do Plan Hurbe impulsado pola Xunta, co que se contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade

A Xunta asume o 70 % do orzamento, preto de 199.000 €, contratará e executará as obras; e o Concello aportará o orzamento restante

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, asinaron esta mañá en San Caetano o convenio para executar as obras de humanización da rúa da Sobreira e da Gándara, no lugar de Vilanova. Na sinatura deste acordo, estivo tamén a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas.

Esta colaboración, que suporá un investimento conxunto que rolda os 285.000 euros, levase a cabo ao abeiro do chamado Plan Hurbe impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, preténdese mellorar a mobilidade da poboación do municipio coruñés.

Tal e como recolle o convenio subscrito hoxe, a actuación consistirá na execución de beirarrúas en ambas marxes da rúa Sobreira, previa ampliación do viario existente; e na execución de 42 metros lineais de beirarrúa de 1,80 m de ancho na Gándara.

En concreto, na rúa Sobreira, proxéctase habilitar beirarrúas que contarán cunha lonxitude duns 175 metros na marxe esquerda, e duns 120 metros pola marxe dereita e disporán dun ancho libre de paso de 1,80 metros. A execución das beirarrúas suporá a ampliación do ancho do viario e nas zonas verdes das novas beirarrúas prevese a plantación dun total de 11 magnolios con cepellón.

Ademais, baixo as novas beirarrúas da marxe esquerda prevese a canalización de rede de saneamento de fecais, e en ambas marxes contémplase a canalización para a recollida de augas pluviais cos correspondentes pozos e sumidoiros e a instalación de rede de iluminación pública.

Nesta rúa Sobreira, tamén prevé o soterrado das redes de distribución eléctrica de baixa tensión e da telefonía, en ambas marxes da rúa. Así mesmo, debido á nova configuración da rúa, será preciso cambiar o emprazamento dos colectores de lixo existentes, que na actualidade se localizan nunha parcela de titularidade privada.  Completan a obra a sinalización horizontal e a adaptación de pozos e arquetas existentes á nova rasante.

A intervención na Gándara céntrase na execución de 42 metros lineais de beirarrúa de 1,80 metros de ancho, previa canalización da tubaxe de iluminación pública. Completan a obra a reposición do pavimento afectado  e a adaptación de pozos e arquetas existentes á nova rasante.

Para a materialización destas intervencións, a través desta cooperación, o departamento que dirixe María M. Allegue achegará o 70 % do orzamento desta intervención, con preto de 199.000 euros, contratará e executará as obras.

Pola súa banda, o Concello de Boimorto asumirá o 30 % restante do custe das obras, algo máis de 85.000 euros; así como a redacción do proxecto das obras, a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e incorporar ao patrimonio público municipal as actuacións que se leven a cabo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2024