Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19.45 h. de hoxe

Activo de novo o incendio forestal do municipio ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes, e estabilizado o outro lume deste concello, localizado na parroquia de Barxa

Estabilizado o incendio no municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de dunhas 40 hectáreas

Controlado o incendio do concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, parroquia de Aguasantas, que afecta unha superficie estimada dunhas 15 hectáreas

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2024

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 19.45 horas de hoxe mércores.

Activo A Gudiña-Pentes

O incendio forestal do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes, que se iniciaba o luns ás 13.18 h. e estaba en situación de controlado dende as 10.40 h. de hoxe, reactivouse na tarde deste mércores. Segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 240 hectáreas. Para a extinción deste lume mobilizáronse ata o de agora 20 axentes, 36 brigadas, 23 motobombas, 6 pas, 3 técnicos, 10 helicópteros e 10 avións.

Estabilizado Chandrexa de Queixa-Requeixo

Está estabilizado dende as 16.25 h. o  lume do municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que se iniciou onte martes ás 20.07 h. e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de entorno a 40 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 6 axentes, 15 brigadas, 6 motobombas, 1 pa, 1 técnico, 4 helicópteros e 2 avións.

Estabilizado A Gudiña-Barxa

Estabilizado ás 13.00 h. o incendio forestal do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Barxa, que se iniciou ás 00.17 de onte martes e que afecta unha superficie provisional de arredor de 90 hectáreas. Neste lume mobilizáronse polo de agora 13 axentes, 22 brigadas, 10 motobombas, 2 pas, 4 técnicos, 8 helicópteros e 8 avións. Ademais, nos labores de extinción colaboraron tamén medios terrestres procedentes de Portugal.

Controlado Cerdedo-Cotobade-Aguasantas

Desde as 17.02 h. de hoxe mércores está controlado o incendio do concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, parroquia de Aguasantas, que se iniciou ás 17.19 h. de onte martes. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de preto de 15 hectáreas. Polo momento mobilizáronse 14 axentes, 26 brigadas, 21 motobombas, 2 pas, 4 técnicos, 5 helicópteros e 6 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 18/09/2024