As conselleiras Angeles Vázquez e María Martínez Allegue asisten na Coruña ao encontro anual da asociación APECCO
A responsable de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, puxo en valor ante o sector a colaboración público-privada “para achegar respostas ás necesidades da sociedade”
A Coruña, 19 de setembro de 2024
As conselleiras de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asistiron hoxe ao cuarto encontro anual da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (APECCO), onde amosaron o compromiso da Xunta de Galicia co sector. Neste acto, tamén estiveron as delegadas territoriais da Xunta na Coruña e Ferrol, Belén do Campo e Martina Aneiros, respectivamente.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas clausurou a asemblea celebrada polo colectivo nesta xornada. María Martínez Allegue destacou no encontro os investimentos públicos que está a realizar a Xunta desde o departamento que dirixe, con licitacións en curso por importe de 138M€, a meirande parte en materia de vivenda, e a previsión neste último trimestre do ano de licitacións por outros 109M€.
M. Allegue quixo poñer en valor ante os construtores a necesaria colaboración co sector, “porque para achegar respostas ás necesidades reais da sociedade, as administracións públicas e os actores privados temos que ir da man e unir esforzos”.