A Xunta impulsa en Xermade a conservación e divulgación da tornería de madeira
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na inauguración do XXIV Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que se celebra nesta localidade luguesa ata o domingo
O Goberno galego colabora desde a primeira edición na organización deste encontro monográfico dedicado á madeira torneada, que constitúe unha cita de referencia deste oficio en Europa
Inclúe demostracións de profesionais de prestixio internacional como a británica Helen Bailey, a francesa Géronime, o torneiro Pedro Clavero, de Andorra, e o galego Lolo Castro, gañador do Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2018
Xermade (Lugo), 20 de setembro de 2024
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na inauguración do XXIV Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que se celebra en Xermade ata o domingo. Como cada ano desde a súa primeira edición, a Xunta colabora na organización deste evento que está considerado unha referencia na conservación, na divulgación e na posta en valor do oficio da tornería artesanal en toda Europa.
Durante tres días Xermade converterase nun espazo de intercambio e de aprendizaxe dirixido tanto a profesionais como a afeccionados á tornería de madeira, unha plataforma centrada no mantemento, na recuperación e na evolución deste oficio de longa tradición en Galicia, desde o máis funcional ata o máis artístico, que conta coa colaboración da Xunta dende a súa primeira edición.
No programa de actividades contémplanse demostracións e talleres impartidos por profesionais de prestixio internacional, mostra de pezas dos participantes e a XVI edición da Exposición Itinerante de Madeira Torneada Contornos, na que se amosarán pezas seleccionadas durante o Encontro de Torneiros do ano pasado.
Entre os profesionais convidados a realizar demostracións nesta XXIV edición do Encontro de Torneiros atópase unha representación das novas xeracións do oficio como a británica Helen Bailey ou a francesa Gérnonime, con perfís coma o de Pedro Clavero, de Andorra ou Lolo Castro, Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2018 pola súa dilatada experiencia no oficio e o seu importante papel na súa divulgación e transmisión ás novas xeracións de artesáns.