Martina Aneiros participa en Narón na presentación da terceira edición da proba deportiva 21 Leguas
Narón (A Coruña), 25 de setembro de 2024
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no Muíño de Xuvia, en Narón, na presentación da terceira edición da proba deportiva 21 Leguas, unha ruta circular de 101 quilómetros que terá lugar este sábado 28 de setembro. Está organizada polo Concello de Narón, en colaboración co Club Deportivo 21 Leguas.
A cita, na que están inscritos preto dun millar de participantes, entre ciclistas e marchadores nas diferentes modalidades, terá a saía e a meta no paseo marítimo de Xuvia e unha duración de 24 horas.
Durante a presentación que contou coa presenza da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, entre outras autoridades, Aneiros destacou a oportunidade que supón esta proba á hora de poñer en valor os recursos paisaxísticos dos municipios polos que pasa (Narón, Ferrol e Valdoviño), “cun percorrido que atravesa enclaves de gran valor patrimonial, industrial e natural como o Arsenal militar, as escolas da Armada, o estaleiro de Navantia ou a Costa Ártabra”, sinalou.
Ademais reiterou o compromiso da Xunta pola promoción do deporte galego e o apoio a eventos deste tipo “que non só dinamizan a nosa comarca, senón que tamén nos permiten compartir co mundo o mellor de Galicia”, asegurou. Por último, animou aos participantes a gozar da proba e “sentirse gañadores”, independentemente do resultado que acaden.