O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación do novo espectáculo de Educateatro Producións

A carpa de ‘Circo de Pinocho’ instálase en Redondela co apoio da Xunta para acoller as primeiras 10 funcións do espectáculo

A última montaxe da compañía galega estréase o venres 4 de outubro e permanecerá no recinto do aparcadoiro da Marisma ata o día 13

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribúe á materialización do proxecto a través das subvencións á creación escénica

Redondela (Pontevedra), 25 de setembro de 2024

Educateatro Producións sae dos teatros para estrear Circo de Pinocho, o seu novo espectáculo en formato carpa. Trátase do proxecto de maior envergadura da compañía e está apoiado pola Xunta de Galicia a través das subvencións á creación escénica na convocatoria deste ano. Dirixido a público familiar, o espectáculo estréase o venres 4 de outubro, ás 18,30 horas, na instalación acondicionada no aparcadoiro da Marisma de Redondela, onde ofrecerá dez funcións ata o día 13 do próximo mes para iniciar despois unha xira por outras localidades galegas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación levada a cabo esta mañá xunto a Xandre Vázquez, produtor, e a Paulo Medal, director de escena e creador musical, nun acto que tivo lugar na propia carpa circense montada ex profeso para este proxecto e no que tamén interveu a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

Reto escénico e empresarial galego

Nas súas declaracións, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a traxectoria de captación de novos públicos e a capacidade emprendedora a nivel empresarial de Educateatro  por asumir o reto deste novidoso formato no ámbito escénico galego. Tamén se referiu ao talento que no eido das disciplinas circenses posúe o colectivo galego dedicado a esta arte desde unha óptica contemporánea, como é o caso agora de Circo de Pinocho, “unindo a literatura clásica universal en versión galega coas artes interpretativas do xénero para compoñer unha proposta que ha de sorprender a toda a familia”, expresou.

Jacobo Sutil defendeu, así mesmo, os obxectivos da liña de subvencións á creación escénica que cada ano convoca a Axencia Galega das Industrias Culturais, polas que neste 2024 se contribuíu cun total de 800.000 euros á produción dos novos espectáculos de 29 compañías galegas. A Xunta distribúe esta dotación entre 15 propostas de teatro, maxia e novo circo, sete de empresas de recente traxectoria e cinco pezas de danza e artes do movemento, ademais de incluír dúas formacións beneficiarias na modalidade de proxectos plurianuais.

Pinocho soña con montar un circo

O equipo creativo e o elenco de Circo de Pinocho componse maioritariamente por artistas galegos. A montaxe, creada unicamente para representarse en carpa, combina o teatro musical cunha escolma dos números máis tradicionais do circo, empregando como fío conductor a Pinocho, un dos personaxes máis coñecidos da literatura universal.

Durante as case dúas horas de función, o público acompañará o boneco de madeira no seu soño de montar un circo. Para iso, Gepetto construirá outros monicreques que, coa maxia da Fada Mimadriña, se volverán de carne e óso para ofrecer números de corda frouxa, malabares, suspensión capilar, acrobacias ou trapecio, acompañados por unha banda sonora orixinal integrada por 20 temas musicais compostos para o espectáculo. Inesperadamente, o feitizo fará que Pinocho se transforme de novo nun boneco de madeira. Coa axuda de Pepiño Grilo, terá que atopar á Fada para reverter o conxuro.

Circo de gran formato

Con Circo de Pinocho, Educateatro presenta o seu espectáculo máis ambicioso, apostando polo gran formato nunha carpa climatizada con capacidade para 450 persoas en butacas individuais. Ademais, haberá un espazo con servizo de cafetaría e instalacións adaptadas para cadeiras de rodas.

A partir da estrea absoluta do venres 4 de outubro, a compañía ofrecerá outras nove representacións os días 5, 6, 11, 12 e 13. Os venres terá lugar un único pase ás 18,30 h., mentres que haberá función dobre os sábados (17,00 h. e 19,00 h.) e os domingos (12,00 h. e 17,00 h.). As entradas xa se poden adquirir na web www.circodepinocho.gal e, de non esgotarse previamente, tamén no despacho de billetes da propia carpa desde unha hora antes de cada función.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2024