Anxo M. Lorenzo pon en valor “a ampla e diversa programación da Feira do Libro de Rianxo”
A Praza Castelao acolle ata o domingo a novena parada dun circuíto que supón unha das citas destacadas da programación ‘Para gustos, cultura’ da Xunta
O encontro arrancará co pregón de Anxo Angueira e conta con ilusionismo, sinaturas de libros, música, danza, teatro, presentacións de novidades editoriais e un coloquio
A seguinte parada do ciclo impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías será A Coruña, do 1 ata o 10 de agosto
Rianxo (A Coruña), 23 de xullo de 2026
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a Feira do Libro de Rianxo, a novena parada do circuíto que a Xunta de Galicia impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia e no marco da campaña Para gustos, cultura, que este verán ofrece máis de 3.600 actividades culturais que se estenderán por 200 concellos da man da Consellería Cultura, Lingua e Xuventude.
Neste senso, Anxo M. Lorenzo gabou “a ampla e diversa programación deste encontro, que é capaz de reunir a maiores e pequenos cun único obxectivo: desfrutar da lectura e achegarnos un pouco máis a nosa cultura”. O representante do Goberno galego puxo tamén en valor estas citas como “pulo imprescindible ao noso sector editorial, que está a vivir un momento fantástico, tal e como demostran os últimos datos que describen que un 67,1 % da poboación galega mercou algún libro no último ano”.
Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, entre as propostas programadas para estes días atópanse teatro, unha charla-coloquio, sinaturas de libros por autores e autoras, presentacións de novidades editoriais, música e un espazo de ilusionismo. Tras a apertura hoxe da feira na Praza Castelao, con pregón a cargo do escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, a actividade continuará ata o domingo 26 en horario de 12,00 a 14,00 horas e de 18,30 a 22,00 horas, agás o sábado que comezará ás 11,00 horas.
Cómpre lembrar que a de Rianxo é a novena das 13 citas co libro que se estenden este ano por diferentes vilas e cidades das catro provincias, tras a celebración das feiras en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Ourense, Redondela, Vigo e Ponteareas. As feiras do libro viaxarán en agosto á Coruña, do 1 día ata o 10; a Viveiro, do día 13 ao 19; a Foz, do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, do día 26 ao 29.