O presidente da Xunta asiste á presentación do documental ‘A meninxite en Galicia, máis aló das cifras’ en Vigo

Rueda destaca que Galicia é lider na prevención da meninxite ao contar co calendario de vacinación máis completo de España

Salienta que foi das primeiras comunidades en financiar a vacina fronte ao meningococo B e en administrar a tetravalante a partir dos catro meses

A Xunta destina cada ano 11 M€ ás vacinas contra a meninxite

Fai fincapé no obxectivo de lograr erradicar a enfermidade na comunidade no 2030 tal e como marca a Organización Mundial da Saúde

Vigo, 25 de setembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta tarde que Galicia é líder na prevención da meninxite ao contar co calendario de vacinación máis completo de España que busca protexer a toda a poboación desta enfermidade infecciosa.

Durante a presentación en Vigo do documental ‘A meninxite en Galicia, máis aló das cifras’ -promovido pola Asociación Española contra a Meninxite-, Rueda lembrou que a Organización Mundial da Saúde ten o obxectivo de que esta enfermidade estea erradicada no ano 2030 e que a Xunta leva tempo traballando para acadar este fito na comunidade. 

Galicia foi unha das primeiras autonomías en incluír a vacina fronte ao meningococo B para os nenos no calendario de vacinación -aos 2, 4 e 12 meses- e tamén foi pioneira en administrar a vacina tetravalente MenACWY a partir dos catro meses. Ademais, a prevención contra a meninxite tamén se logra coa vacina hexavalente que se administra aos 2, 4 e 11 meses e a inmunización fronte ao pneumococo que cada ano reciben os maiores de 65 anos e grupos de risco. 

Nesta liña, o presidente -acompañado do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño- salientou que o Goberno autonómico destina cada ano 11 millóns de euros a sufragar as vacinas fronte a meninxite e que o calendario de vacinación é algo en continua evolución que busca a actualización constante para ofrecer a mellor protección á cidadanía. 

Galicia rexistra elevadas taxas de cobertura nas vacinas contra a meninxite ao superar o 90% no caso da infancia e mesmo chegan ao 100% nalgúns tipos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2024