A delegada territorial da Xunta en Ferrol participou no evento que se levou a cabo esta mañá no Concello de San Sadurniño

Martina Aneiros pon en valor o apoio do Goberno galego ao deporte durante a presentación da XLI Copa de Voleibol Xunta de Galicia

A cita, na que se enfrontan os mellores equipos femininos e masculinos clasificados na pasada campaña, entre os que se atopa o Aldebarán, se disputará esta fin de semana no pavillón municipal

San Sadurniño (A Coruña), 26 de setembro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto ao alcalde de San Sadurniño, Secundino García, participou esta mañá no Concello na presentación da XLI Copa de Voleibol Xunta de Galicia que se dirimirá esta fin de semana no pavillón municipal.

A cita, na que cada ano se enfrontan os mellores equipos femininos e masculinos clasificados na campaña pasada, entre os que se atopa o primeiro equipo do club local Aldebarán, dirimirase en formado de semifinais. Os partidos darán comezo ás 10,00 horas, tanto na xornada do sábado, cando se xoga a competición feminina como na do domingo a masculina. As finais disputaranse ás 17,30 horas.

A delegada territorial destacou durante a súa intervención a importancia do deporte “como unha ferramenta fundamental para a formación dos nosos mozos, para a promoción de hábitos de vida saudable e, sobre todo, como un vínculo de unión” e comprometeu o respaldo do Goberno galego ao fomento do mesmo, “non só a través do apoio a grandes eventos deportivos, coma esta XLI Copa de Voleibol, senón tamén a través do deporte base”.

A competición encádrase dentro da actividade da promoción deportiva que contempla o convenio entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Voleibol que ascende este ano a preto de 92.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2024