A Xunta abre a porta a que todas as empresas soliciten solo gratuíto durante oito anos en réxime de dereito de superficie
Rueda destaca que a Xunta vai poñer a disposición do tecido produtivo máis de medio millón de metros cadrados “situados nunha vintena de áreas industriais”
É a primeira vez que o empresariado galego poderá tomar parte nun concurso público en que se oferte de xeito conxunto a compra de solo e o dereito de superficie
A medida, incluída na nova estratexia de política industrial do Goberno galego, busca facilitar o asentamento de novas empresas na Comunidade
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello tomou razón hoxe das bases que rexerán o concurso público de venda e concesión do dereito de superficie de parcelas de solo empresarial propiedade de Xestión do solo de Galicia Xestur, S.A., que inclúen a posta á disposición de solo gratuíto durante os oito primeiros anos en réxime de dereito de superficie. Unha medida pioneira que lle permitirá ao tecido empresarial galego acceder a máis de medio millón de metros cadrados situados “nunha vintena de áreas industriais da comunidade”.
Rueda lembrou que se trata dunha medida que o Executivo autonómico se comprometou a levar a cabo “nos primeiros meses da lexislatura” e que ten por obxectivo facilitar o asentamento de novas empresas na Comunidade ou ampliar as existentes a través de novos incentivos.
Deste xeito, a Administración autonómica licitará nos próximos días e, por primeira vez, de xeito simultáneo, a posibilidade de adquirir solo empresarial e a concesión do dereito de superficie, de maneira que todas as parcelas se poderán solicitar en calquera dos dous réximes. E no caso de apostar pola segunda fórmula, tal e como explicou Rueda permitirá que durante os oito primeiros anos o custo sexa cero, e que a partir do noveno se manteñan as condicións actuais, de maneira que o canon anual para aboar sería do 3,5% do prezo de venda da parcela.
Cómpre lembrar que ata a data, a concesión de solo en dereito de superficie estaba limitado a supostos moi excepcionais e implicaba o aboamento durante os primeiros anos dunha porcentaxe do prazo completo de venda da parcela: 1,5% para os dous primeiros anos, 2,5% para os seguintes dous anos, e para o quinto e sucesivos o 3,5% . Para os casos de adquisición de parcelas, o Goberno galego mantén a fórmula anterior, de maneira que se promove unha bonificación do 30 ou do 50%.
Outras novidades
As novas bases inclúen máis novidades con respecto a concursos anteriores. Así, no caso de concorreren varias solicitudes sobre unha mesma parcela nun mesmo réxime (venda ou dereito de superficie), “terán preferencia aqueles proxectos declarados previamente como empresariais singulares” por Xestur ou os declarados polo Consello da Xunta como proxectos industriais estratéxicos. Para a súa consideración, teranse en conta o interese e a incidencia para o tecido industrial galego, que creen un mínimo de 25 empregos (entre directos e indirectos), que supoñan un investimento mínimo de dous millóns de euros ou a necesidade de ampliación do negocio xa existente.
Así mesmo, no caso de adquisición primarase “a oferta maior sobre a menor e a quen sexa propietario dunha parcela lindeira coa solicitada”, indicou Rueda. E, en ambos os dous casos (propiedade ou dereito de superficie doutras parcelas no mesmo parque empresarial), terá preferencia o ofertante que sexa dono dunha parcela ou parcelas no mesmo parque empresarial, que non sexan coestremeiras e se xustifique a necesidade de ampliación dunha industria ou establecemento xa existentes na mesma área.
Outra das novidades é que se dará prioridade a aquelas iniciativas que promovan a eficiencia enerxética a través do autoconsumo ou o uso de enerxías renovables, ou se comprometan a formar parte de comunidades enerxéticas.
O novo concurso público de venda e concesión de dereito de superficie das parcelas propiedade de Xestur porá ao dispor do empresariado galego preto de 522.000 metros cadrados en case unha vintena de áreas empresariais da Comunidade galega, unha cifra que se verá incrementada nos próximos meses a medida que se vaian incorporando novos proxectos de desenvolvemento do solo impulsados desde a Administración autonómica.
Deste xeito, o Goberno galego avanza na nova estratexia de política industrial que busca, fundamentalmente, impulsar novos sectores industriais estratéxicos; detectar e integrar novas cadeas de valor; promocionar a formación, a atracción de talento e o emprego de calidade, e mellorar a competitividade da industria galega a través da innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e a internacionalización a través do Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais.