Rueda destaca que a Xunta blindará a seguridade viaria dos peregrinos nos Camiños de Santiago no horizonte do Xacobeo 2027 cunha achega de ata 40 M€
Salienta que o obxectivo é afastar os peregrinos “das zonas perigosas de circulación” de vehículos coa creación de sendas peonís ou mellorando a sinalización
Crearanse sendas en máis de 150 quilómetros dos nove camiños de Santiago por terra e comezarase con actuacións no Camiño Portugués e no Inglés
Enmárcase no traballo da Xunta por mellorar a experiencia da peregrinación nun momento en que o número de peregrinos está a medrar a un ritmo do 13%
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai destinar ata 40 millóns de euros a mellorar a seguridade viaria dos peregrinos en 150 quilómetros do Camiño de Santiago. “O obxectivo é afastar os peregrinos das zonas perigosas de circulación”, traballando “para que ese número crecente de peregrinos faga o Camiño nas máximas condicións de seguridade” indicou.
O proxecto actuará naqueles lugares do Camiño de Santiago en que hai treitos comúns coa rede de estradas. A idea é evitar que as persoas peregrinas e os usuarios en xeral transiten polas zonas de circulación de vehículos, creando sendas peonís alternativas. Para iso, a Axencia Turismo de Galicia realizou un estudo de inventariado e diagnose dos tramos comúns nos Camiños de Santiago onde o peregrino comparte estradas de distinta titularidade (provinciais, autonómicas ou estatais) cos vehículos.
Así, tras a diagnose, logo de avaliado o seu estado e identificados posibles riscos desde o punto de vista da seguridade viaria, planificáronse as actuacións necesarias que permiten mellorar os tramos comúns no que respecta á súa sinalización, estado de conservación e seguridade. Haberá actuacións nas nove rutas xacobeas por terra e os traballos comezarán “neste mes de outubro no Camiño Portugués e no Inglés”, indicou o presidente.
En concreto, tal e como explicou, as primeiras actuacións centraranse nun tramo do Camiño Portugués ao seu paso por Caldas de Reis, na estrada nacional N-550, á altura do núcleo de Carracedo, mediante a implantación “dunha senda peonil adxacente á propia estrada” para dar continuidade ás beirarrúas existentes. Realizaranse tamén axustes na sinalización do Camiño para guiar adecuadamente o peregrino polo trazado proposto.
Tamén está entre as primeiras actuacións a de mellorar a seguridade viaria no Camiño Inglés ao seu paso por Abegondo. Proponse un itinerario alternativo e seguro que discorrerá polos lugares de Limiñón e Meangos, sobre o río Mero e o seu afluente o Rego do Fontao, respectivamente, así como por certos tramos da estrada DP-0105, e unha agrupación de terreos lindeiros coa vía. Parte das actuacións que se van levar a cabo para a creación da senda atópanse nas marxes ou sobre a estrada DP-0105. No proxecto defínense as medidas que cómpre considerar para provocar as mínimas afectacións á estrada durante a execución das obras.
Tamén no Camiño Inglés, pero neste caso no termo municipal de Santiago de Compostela, actuarase no lugar da Sionlla. Crearase un novo trazado máis seguro que discorrerá relativamente paralelo á vía N-550, atravesando o leito do río Sionlla, e por unha agrupación de terreos próximos ao actual percorrido do Camiño. Ademais, dispoñeranse ao longo do percorrido, as medidas de sinalización e balizamento precisas, mediante a instalación de mouteiras con sinal e cuncha do Camiño de Santiago, varanda de madeira de piñeiro, e balizas para impedir o paso dos vehículos.
Posteriormente iranse realizando o resto de proxectos “co obxectivo de que estean listos antes do Xacobeo 2027”, salientou o presidente. O proxecto inclúe actuacións no Camiño de Inverno e na Vía da Prata, en concreto, en 38 km en cada un dos itinerarios. Ademais, actuarase en 25 km do Camiño Norte, en 20 do Camiño Francés e en preto de 15 no Camiño Primitivo. As actuacións comprenderán tamén preto de 7 km no Camiño Portugués e pola Costa, 4 no Camiño Inglés e 2 no de Fisterra-Muxía.
Todas estas actuacións veñen completar o iniciado no ano 2015 en colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas no denominado Plan de sendas de Galicia, que mellorou a seguridade viaria do Camiño cun investimento conxunto de 17,55 M€.
Este proxecto para a mellora da seguridade viaria enmárcase no obxectivo da Xunta de Galicia por traballar na excelencia da experiencia da peregrinación, un dos obxectivos do Plan director dos Camiños de Santiago 2027. Búscase, ademais, ir reforzando a seguridade dos peregrinos que cada vez son máis numerosos polos distintos itinerarios, e o número de Compostelas medra a un ritmo do 13%.