Rueda anuncia que a Xunta construirá a primeira planta pública de Galicia para a xestión e recuperación de residuos domésticos téxtiles, cun investimento de 14 M€
Destaca que estará ubicada nas instalacións de Sogama en Cerceda e terá unha capacidade inicial para “tratar 3.000 toneladas anuais” que poderá ir ampliándose
A previsión “é que estea rematada e lista para funcionar a mediados de 2026”
Esta nova instalación enmárcase tamén no hub téxtil que quere impulsar o Goberno autonómico para atraer á Comunidade investimentos e empresas ligadas ao sector
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático indica que é unha das medidas principais do Plan estratéxico 2024-2030 de Sogama para modernizar a empresa e gañar en axilidade e eficiencia
Para completar a transformación dixital da empresa pública, no mes de outubro empezarase a traballar nunha plataforma para a xestión automática de datos e información dos residuos que asegure a súa correcta rastrexabilidade en tempo real
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2024
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta “vai destinar 14 millóns de euros a construír a primeira planta pública de Galicia para a xestión e reciclaxe de residuos téxtiles domésticos” recollidos de forma separada.
O obxectivo, como salientou, é “seguir mellorando na xestión de residuos domésticos, avanzar na reciclaxe” e preparar as instalacións de Sogama para o “tratamento” destes refugallos que, por lei, os concellos van ter que recoller por separado a partir do vindeiro mes de xaneiro.
A futura planta, segundo o informe elevado hoxe ante o Consello da Xunta, enmárcase no proxecto estratéxico do Goberno autonómico para impulsar un hub ou polo téxtil cunha rede de infraestruturas que axude a atraer investimentos, empresas e proxectos relacionados cun sector en alza e que nos próximos anos se espera que realice unha grande aposta pola reciclaxe e a innovación.
Ademais, tal e como resaltou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, é unha das iniciativas máis destacadas do “Plan estratéxico 2024-2030 de Sogama”, un documento no cal se recollen as grandes liñas de traballo que guiarán a empresa pública a partir do ano que vén para seguir modernizando a súa xestión e ofrecer un servizo máis áxil, eficaz e eficiente aos concellos. “Xirará sobre dous eidos: esta planta e a trazabilidade”, indicou
Rueda anunciou que a futura instalación “estará localizada en Cerceda”, dentro do complexo ambiental, “e terá capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais” deste tipo de refugallos, unha contía que se poderá ampliar, en todo caso, ata as 24.000 t/ano.
Unha vez que estea en marcha, a súa función principal será a de preparar para reciclar tanto residuos téxtiles procedentes das empresas de economía social que operan en Galicia (como Cáritas-Moda RE, Humana...), como aqueles que teñan a súa orixe en contedores instalados na rúa, ampliando así a capacidade actual de Sogama para xestionar novas fraccións de refugallos, en liña coas exixencias e obxectivos comunitarios neste eido.
Coa posta en marcha desta planta, ademais, Galicia estará preparada para adaptarse e responder ás novas necesidades derivadas da normativa sectorial vixente (a Lei estatal de residuos e solos contaminados). Así, cómpre lembrar que desde o 1 de xaneiro de 2025 os concellos terán que implantar a recollida diferenciada dos residuos téxtiles, quedará prohibida a súa exportación e a destrución dos excedentes non vendidos e que os produtores serán obrigados a incorporar unha porcentaxe de fibras téxtiles recicladas na fabricación de novos produtos, o que incrementará a demanda deste material.
Ademais, e tendo en conta que actualmente só se recolle separadamente o 10,2% do residuo téxtil e que, tal e como resaltou a conselleira, “o 7% do lixo que chega a Sogama na bolsa negra (a que se deposita no contedor xenérico) é deste tipo”, a posta en marcha desta infraestrutura pioneira en Galicia contribuirá tamén a incrementar as actuais taxas de separación e de reciclaxe.
A construción e posterior operación destas novas instalacións terán un custo estimado de 14 millóns de euros, que se financiarán na súa maior parte grazas a unha axuda europea conseguida a través do Mecanismo de recuperación e tesiliencia (MRR) —por importe de 10,27 millóns de euros—, que se completará con fondos propios.
Unha vez garantido o financiamento para a súa construción, o obxectivo da Xunta, tal e como indicou o presidente, é que a nova planta proxectada en Cerceda “poida estar rematada e lista para funcionar a mediados de 2026”, para o cal prevé licitar as obras antes de que remate este ano.
Mellora da rastrexabilidade e Portal do cliente
Tal e como explicou a conselleira, outro dos proxectos clave do Plan estratéxico 2024-2030 de Sogama, que ten entre os seus eixes principais completar a transformación dixital da empresa pública, será o desenvolvemento dunha plataforma para a xestión de datos e documentación, chamada TRAZA, así como, nunha segunda fase, a posta en marcha do Portal do cliente.
A intención é avanzar cara a unha xestión automática de todos os datos necesarios para asegurar o control e a correcta rastrexabilidade do residuo, desde que entra na planta de transferencia ata que sae de Sogama, xerando de forma paralela información relacionada coa normativa sectorial e ofrecendo un servizo adicional aos concellos para a xestión automática de documentación co conseguinte aforro de tempo.
Esta previsto que o vindeiro mes de outubro se empece a traballar nesta plataforma, á cal se reserva un investimento de 2,1 millóns de euros, dos cales 0,9 millóns se financiarán con fondos europeos grazas a outra axuda concedida no marco do MRR.
Ademais, o futuro Portal do cliente, cun custo aínda pendente de calcular e que se poría en marcha no horizonte do ano 2027, ofrecerá un servizo bidireccional aos 295 concellos adheridos a Sogama, pondo á súa disposición datos de interese para, entre outras cousas, axudar a coñecer como vai o seu desempeño en relación cos distintos obxectivos en materia de residuos, xestionar incidencias e peticións ou mellorar a comunicación coa empresa, entre outras vantaxes que contribúan a optimizar a súa experiencia.