O presidente autonómico reuniuse con Roberto Sebastián Bosch en Vigo

Rueda traslada ao embaixador da Arxentina o compromiso de afianzar as relacións para avanzar nos intereses das empresas galegas e da colectividade

Salientou a importancia de colaborar en materia pesqueira, onde as compañías galega xeran 5.500 empregos na Arxentina

Destacou a Estratexia Galicia Retorna cun cento de medidas para apoiar aos galegos do exterior que queren regresar á comunidade

Vigo, 1 de outubro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou esta mañá ao embaixador da Arxentina en España, Roberto Sebastián Bosch, o interese de Galicia por manter a colaboración entre ambas rexións para avanzar nos intereses das empresas e os galegos afincados no país latinoamericano. 

Durante un encontro celebrado en Vigo -no que tamén participaron a cónsul xeral da Arxentina en Galicia, Silvina Isabel Montenegro, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo-, o líder do Goberno autonómico lembrou a importancia de afianzar as relacións económicas, especialmente no sector pesqueiro.

Nesta liña, lembrou que Galicia é unha potencia pesqueira internacional con gran presenza na Arxentina. As empresas galegas xeran 5.500 empregos no sector da pesca e transformación de produtos no mar na Arxentina e hai 80 buques pesqueiros de capital galego con bandeira arxentina, polo que se trata dun eido clave para dinamizar a economía nese país.

Ademais, durante a xuntanza, Rueda salientou a aposta da Xunta por facilitar o retorno a todos os galegos do exterior que desexen volver a súa terra a través da Estratexia Galicia Retorna que inclúe un cento de medidas como axudas para afrontar os gastos iniciais do traslado, bolsas para estudar un máster e FP ou programas específicos para emprender.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2024