Lete Lasa destaca a importancia de que 'a mellor deportista de SUP do mundo sexa muller e galega' na recepción a Espe Barreras
Destaca a “incrible carreira de Espe, que xa suma, coas tres medallas acadadas en Copenhague, nove medallas nos últimos catro mundiais, sendo seis de ouro e tres de prata”
Vigo, 1 de outubro de 2024
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na recepción á deportista galega Esperanza Barreras, que vén de acadar tres metais -ouro en longa distancia, prata en carreira técnica e outro ouro por equipos- nos Campionatos do Mundo de Stand-Up paddle e paddleboard celebrados en Dinamarca. Lete Lasa destacou a “incrible carreira de Espe, que xa suma, coas tres medallas acadadas en Copenhague, nove medallas nos últimos catro mundiais, sendo seis de ouro e tres de prata”.
O secretario xeral fixo fincapé na orixe nigranesa de Espe, concello pontevedrés no que se atopa o Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Surf. Neste sentido, Lete Lasa destacou o nivel tanto de profesionais experimentados como Espe e tamén dos rapaces máis novos do NADE, advertindo que, “Galicia está en disposición de aspirar a ter algún representante olímpico nos Xogos de Brisbane 2032”. Dentro desta combinación dos deportistas absolutos asentados no alto nivel coa canteira que comeza a despuntar, Lete Lasa subliñou a importancia de que Espe tamén de desempeñe na formación de novos valores como fai no Club IMUA de Aguete cando está en Galicia.
O secretario xeral apuntou que é “moi importante” que nun deporte que ten un forte impacto nos máis novos, “a mellor deportista do mundo dunha das súas disciplinas sexa muller e sexa galega” xa que representa un aliciente para todos os nenos e nenas e contribúe á igualdade dunha federación que xa é das que conta cun mellor reparto entre sexos.