A conselleira de Política Social e Igualdade e a delegada da Xunta na Coruña asistiron ao Encontro de Alcaldesas, que tivo como lema ‘Tomando decisións para cambiar o mundo’
Fabiola García sitúa a Galicia como referente en igualdade e pon en valor o traballo das mulleres na política local
A conselleira de Política Social e Igualdade asegurou que para avanzar neste obxectivo é imprescindible a colaboración e o traballo conxunto de todas as administracións, “que sempre atoparán a man tendida da Xunta”
Ante unha trintena de rexedoras de España e Galicia, Fabiola García enxalzou o papel que xogan as mulleres na política local, cuxa achega definiu como “fundamental e imparable” e que contribúe a crear unha realidade “cada vez máis xusta, máis equitativa e máis solidaria”
A Coruña, 1 de outubro de 2024
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada da delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu esta tarde á xornada inaugural do II Encontro de Alcaldesas, que contou coa participación dunha trintena de rexedoras de España e Galicia. Na xuntanza, celebrada baixo o lema ‘Tomando decisións para cambiar o mundo’, tamén participou a vicepresidenta primeira e ministra Hacienda, María Jesús Montero, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
Fabiola García puxo en valor que este congreso se celebre en Galicia, “unha comunidade que é un auténtico referente en igualdade” e destacou o traballo das mulleres que se dedican á política local. Nesta liña, apostou por reforzar a igualdade neste ámbito como “o mellor xeito de cambiar a sociedade desde a base e de impulsala en todos os ámbitos”. Na inauguración, subliñou que cada decisión diaria que se toma nos concellos inflúe directamente no global e que cambiando as cousas no local se pode chegar a influír en distintas capas da sociedade.
Para acadar este obxectivo, a conselleira fixo fincapé en que é imprescindible a colaboración e o traballo conxunto de todas as administracións, “que sempre atoparán a man tendida da Xunta”. Como exemplo desta colaboración estreita destacou a actual rede de centros de información á muller, 84 en toda Galicia que dan servizo a 200 concellos, ou o Plan Corresponsables, co que neste 2024 se ofreceron recursos de conciliación a 170 concellos, unha vintena de entidades sociais e 60 ANPAS.
Na súa intervención, Fabiola García enxalzou o papel das mulleres na política local, cuxa achega definiu como “fundamental e imparable” e contribúe a crear unha sociedade “cada vez máis xusta, máis equitativa e máis solidaria”. Incidiu en que o progreso das políticas lideradas por mulleres “supón o avance dunha sociedade que quere levar a igualdade a todos os ámbitos”.
Aposta pola igualdade e a conciliación
A conselleira tamén lembrou a aposta da Xunta polo impulso da conciliación da vida familiar e laboral con políticas específicas e pioneiras en España e que son chave para garantir a igualdade entre mulleres e homes. Unha aposta á que se une a especial sensibilidade do Goberno galego no eido da igualdade, que tivo como punto de inflexión coa aprobación a finais de 2023 da Lei de Igualdade de Galicia. Unha norma que permitirá, entre outras cuestións, crear os primeiros espazos urbanos libres de violencia e establecer o marco de colaboración para crear unha atmosfera que faga efectivo o dereito á igualdade de sexos na vida local.