A delegada territorial da Xunta en Ferrol destaca a aposta do grupo Natac por Ferrolterra á hora de asentar a súa planta de produción de omega-3

Martina Aneiros visitou esta mañá as instalacións que o grupo empresarial dedicado ao sector biotecnolóxico ten no polígono industrial das Somozas para coñecer o seu funcionamento e as súas previsións de futuro

As Somozas (A Coruña), 3 de outubro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde das Somozas, Juan Alonso Tembrás, visitou esta mañá a planta de produción de omega-3 que o Grupo Natac ten no polígono industrial da localidade co fin de coñecer o seu funcionamento e as previsións de futuro da que xa é a planta máis grande de España na produción deste ácido graxo.

Aneiros agradeceu ao Grupo Natac a confianza depositada en Galicia, “asentándose nunha comarca, a de Ferrolterra, que precisa de iniciativas industriais que aporten un valor engadido”, sinalou. Ademais destacou a súa importancia como activo para o porto de Ferrol a través do que a planta se está a subministrar da materia prima necesaria importada na meirande parte de Chile e Perú e do que canalizará tamén as 2.700 toneladas anuais de produción que prevé acadar nos próximos cinco anos.

Segundo apunto Aneiros, Natac vén de sumarse a unha ampla lista de empresas que en Galicia se dedican ao sector da biotecnoloxía e que fan da Comunidade a segunda rexión máis bioemprendedora, un dato ao que hai que engadir o aumento do 6 % no número de traballadores en I+D no sector e o gasto en I+D+i, xa no 17 % do total de Galicia. A este respecto, a delegada puxo en valor a Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia 2021-2025 posta en marcha pola Xunta e que nos seus tres primeiros anos logro mobilizar 370 M€.

A planta das Somozas que se puxo en marcha cun investimento de 18 M€, iniciou a súa andadura da man da empresa IFFE Futura, integrada desde hai un ano no Grupo Natac. Está asentada nunha parcela de 28.000 metros cadrados e nela se refina, desodoriza e branquea os aceites de omega-3 procedentes do pescado para desenvolver ingredientes saudables de orixe natural e de  alta calidade para os sectores da alimentación, nutracéutico e nutrición animal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2024