A Xunta pon en valor os proxectos cofinanciados con fondos da UE pola súa contribución ao desenvolvemento de Galicia

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, clausurou o I Concurso anual de proxectos cofinanciados #EuropaXunta

Incidiu en que no novo marco financeiro plurianual post-27 se aumente o peso que teñen actualmente os gobernos rexionais na definición e xestión das medidas financiadas cos fondos de cohesión

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, puxo en valor hoxe os proxectos financiados con fondos da Unión Europea pola súa contribución ao desenvolvemento de Galicia, e afirmou que a Xunta seguirá optimizando a súa xestión e mellorando a eficiencia na execución, ademais de fortalecer a súa gobernanza cos axentes económicos e sociais e outras administracións estatais e europeas.

Durante a súa participación na clausura do I Concurso anual de proxectos cofinanciados #EuropaXunta, Miguel Corgos destacou así a execución do 100% do marco financeiro xa concluído, 14-20, e incidiu no papel fundamental que a súa xestión tivo na mellora global dos indicadores sociais e de Emprego de Galicia.

Para seguir mellorando na execución, o conselleiro de Facenda e Administración Pública trasladou a importancia de promover unha xestión financeira eficiente e orientada a resultados reducindo a complexidade administrativa para axilizar a asignación e xestión. Ademais de implementar solucións tecnolóxicas innovadoras, priorizar proxectos de alto impacto socioeconómico e impulsar a atracción de financiamento doutros fondos europeos de xestión directa ou compartida.

Miguel Corgos recordou tamén que Galicia vén de expoñer no Parlamento Europeo a visión de Galicia para o novo marco financeiro plurianual post-27, centrado nun aumento do peso actual dos gobernos rexionais na definición e xestión das medidas financiadas cos fondos de cohesión. “O modelo que propón Galicia baséase no principio de proximidade. Os gobernos rexionais somos a administración máis próxima ao territorio e a que mellor coñece as necesidades a satisfacer cos recursos que reciben”, abundou.

Logo de felicitar aos finalistas e ao proxecto gañador deste concurso, Miguel Corgos concluíu lembrando que gran parte do desenvolvemento da Comunidade nos últimos 35 anos vai ligado aos fondos europeos recibidos. Así, desde 1986 e ata finais desta década, o Goberno galego ten xestionado máis de 32.000 millóns de euros de axudas comunitarias.

Na celebración deste encontro tivo lugar tamén a presentación dunha exposición itinerante sobre os fondos europeos que, no que resta de ano, percorrerá dez vilas e cidades da xeografía galega, comezando en Lalín hoxe mesmo. A mostra buscar dar a coñecer á cidadanía os distintos programas europeos e as oportunidades de financiamento que ofrecen, así como facer visibles os proxectos que xa están en marcha.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2024