O secretario xeral da Emigración dá a benvida aos maiores do exterior que participan no programa ‘Reencontros con Galicia’

Esta iniciativa, que se desenvolve en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade, levarase a cabo do 8 ao 19 de outubro

As persoas participantes teñen máis de 65 anos, proceden de Cuba, Venezuela, O Brasil, A Arxentina ou O Uruguai e aloxaranse nas residencias de tempo libre da Xunta de Galicia en Panxón e Carballiño

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2024

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu esta mañá no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela aos participantes do programa Reencontros con Galicia, procedentes de Venezuela, Cuba, O Brasil, A Arxentina e O Uruguai. Este programa ten como obxectivo facilitar o contacto das e dos galegos do exterior maiores de 65 anos coa Galicia actual e coas súas familias.

O programa, que conta con máis de 30 anos de experiencia e se desenvolve en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade, permite que 200 galegos residentes no exterior poidan gozar de diversas actividades de lecer e visitas culturais durante a súa estadía, do 8 ao 19 de outubro. Ademais, percorrerán diferentes localidades e cidades galegas para coñecer o patrimonio cultural e natural do país. Os participantes estarán aloxados nas residencias de tempo libre da Xunta de Galicia en Panxón e Carballiño.

“Moitos dos participantes deste ano levan décadas sen regresar a Galicia, polo que este reencontro será moi emotivo, tanto para eles como para as súas familias. Poderán ver de primeira man a vitalidade desta Galicia próspera e moderna”, explicou Antonio Rodríguez Miranda. Engadiu tamén que “para a Xunta de Galicia é un orgullo axudarlles a volver á súa terra e, en moitos casos, a reencontrarse cos familiares que non viron en moito tempo”.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como obxectivo promover a participación da colectividade galega no exterior na vida cultural e social de Galicia, mantendo os vínculos coa súa terra de orixe. Segundo destacou o secretario xeral da Emigración, “os nosos maiores son fundamentais para transmitir ás xeracións nacidas no exterior ese sentimento especial cara a Galicia, garantindo que eses lazos nunca se rompan”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/10/2024