Belén do Campo destaca que Galicia conta coa estratexia galega de mobilidade para garantir desprazamentos sustentables co apoio da innovación tecnolóxica

A delegada da Xunta participou na inauguración da xornada O Futuro da Electrificación no Transporte Urbano, organizada pola Cámara de Comercio da Coruña e Iberdrola

A Coruña, 9 de outubro de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou na inauguración da xornada O Futuro da Electrificación no Transporte Urbano, organizada pola Cámara de Comercio da Coruña e Iberdrola. Na súa intervención destacou que “Galicia, co seu compromiso histórico co medio ambiente e a súa riqueza en enerxías renovables, ten a oportunidade de liderar a transición cara á electrificación no transporte público”. 

Neste senso, lembrou que desde hai uns meses a Xunta conta coa Estratexia Galega de Mobilidade, un documento que planifica a mobilidade do futuro para adaptala ás necesidades actuais, unha folla de ruta ata 2050: con 420 millóns de orzamento e 99 medidas. Entre elas, a representante do Goberno autonómico, destacou algunhas como “a introdución de criterios ambientais na política de compra pública de vehículos, ecoincentivos para o uso de vehículos de baixas emisións, asesoramento ás empresas para a renovación de frotas ou o fomento da adquisición de vehículos de baixas emisións nas frotas de autobuses, entre outras moitas”.

Belén do Campo sinalou tamén a forte aposta do Goberno galego para evitar o uso dos coches particulares co Plan de Transporte Público de Galicia ao que se destina un importante investimento de máis de 140 millóns ao ano. Nesta liña subliñou que “conseguimos levar o autobús a zonas onde non había e máis do 90% de galegos teñen unha parada a menos de 500 metros da súa casa”.

A delegada referiuse tamén a que a electrificación do transporte público non só mellorará as cidades senón que  tamén é unha oportunidade para crear emprego e fortalecer a economía da comunidade. E por iso, “desde a Xunta é clave colaborar con universidades, centros tecnolóxicos e empresas galegas para asegurar que os avances tecnolóxicos se produzcan aquí, en Galicia, xerando beneficios para a sociedade e o medio ambiente”. O noso obxectivo, subliñou, “é o desenvolvemento de novas tecnoloxías de baterías, sistemas de carga rápida e a fabricación de vehículos eléctricos para converter a Galicia nun referente en innovación e emprego verde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2024