A Xunta pon o foco no papel da prevención para evitar as adicións entre a xuventude
O director xeral de Infancia, Familia e Dinamización Demográfica clausurou a xornada ‘Adiccións e xuventude’, resaltando o papel do Executivo galego no eido da prevención entre os máis novos e a súa contorna
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2024
O director xeral de Infancia, Familia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou na clausura da xornada ‘Adiccións e Xuventude’ organizada pola Unión de Consumidores de Galicia. Durante o encontro, manifestou que a saúde da mocidade é un dos retos deste século e por iso destacou o traballo do Executivo galego neste eido.
Jacobo Rey recalcou que a Xunta traballa desde a prevención, a educación e a sensibilización dos máis novos para evitar as adiccións. Non obstante, o director xeral recoñeceu que é fundamental traballar tendo en conta as novas formas de consumo e as súas variacións, como poden ser – explicou- as pantallas.
A Xunta traballa directamente cos menores a través de iniciativas como as ‘Clases sen fume’, pero tamén na sensibilización do entorno dos menores como son as familias ou os educadores. Con todo, o traballo que se leva a cabo dende a administración galega contempla unha asistencia e a apoio orientada a axudar aos mozos afectados polo consumo de drogas, alcohol ou tabaco.
Neste senso, o director xeral destacou a importancia de adoptar medidas tamén no ámbito normativo. Así, fixo fincapé na Lei de protección da saúde das persoas menores de idade e de prevención de condutas aditivas na que traballa a Xunta e que busca poñerlle couto á comercialización a menores de novos produtos, como vapeadores ou bebidas enerxéticas.