A Xunta destaca citas como o ’Corazón da Artesanía‘ para poñer en valor os nosos oficios e garantir a remuda xeracional

O director xeral de Comercio e Consumo respondeu na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo sobre este evento que se desenvolveu en xullo en Agolada coa presenza de 52 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia

Gabriel Alén destacouno como referente, con máis de 5.000 persoas asistentes e vendas e contratos asinados a nivel nacional e internacional de grande relevancia para o noso sector artesán

Apostou pola continuidade de actos coma este co gallo de garantir o futuro da artesanía galega, ao tempo que puxo de relevo apoios da Xunta ou o programa pioneiro que está a desenvolver novos cursos para asegurar a remuda xeracional

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, compareceu hoxe na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento, onde puxo de relevo a feira Corazón da Artesanía -que este ano se celebrou a comezos de xullo no recinto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada- como iniciativa referente que contribúe a enxalzar os nosos oficios e a garantir a remuda xeracional. Ao tempo, referiuse a apoios da Xunta e a programas como o pioneiro Aprender de Tradición. Oficios e técnicas, no marco do que se están a desenvolver novos cursos para asegurar o futuro do sector. 

Sobre a feira de Agolada recoñecida co Premio Nacional de Artesanía 2023 na categoría Promociona para Entidades Públicas, o director xeral destacou que serve de punto de encontro para prescritores de pequenas e grandes firmas e tendas galegas e nacionais. Na edición deste ano participaron 52 profesionais da Artesanía de Galicia, 36 como expositores e outros 14 como docentes nos cursos de formación especializada e talleres organizados. En canto aos expositores de produtos gourmet, este ano estivo presente a oferta de 32 empresas, 19 das cales contaban co selo de Artesanía Alimentaria.

Alén salientou a repercusión económica a medio e longo prazo das diferentes edicións que se foron sucedendo do Corazón da Artesanía, ata chegar á número 11 deste ano, cando contou con máis de 5.000 persoas asistentes, e vendas e contratos asinados a nivel nacional e internacional. Ao configurarse como un evento multidisciplinar e como un gran escaparate de difusión dos produtos que promove relacións do sector con empresas de distribución e tendas, avogou por darlle continuidade, en paralelo a outras iniciativas e programas da Xunta enmarcados na estratexia a prol de garantir o futuro da nosa artesanía, como vertebradora do territorio e fixadora de poboación especialmente na Galicia non urbana.

Compromiso da Xunta 

O director xeral referiuse a apoios como á orde de fomento da comercialización da artesanía para promover tanto a organización como a participación en feiras, á de transformación dixital ou á de comercio circular. Tamén aludiu a iniciativas como Artesanía no prato, onde o sector artesán conflúe coa gastronomía; ou ao recente Creafogar, onde os obradoiros galegos puideron mostrar o seu bo facer nun espazo efémero de interiorismo en Santiago. Non quixo esquecerse da xornada Novas artesanías para novas ecoloxías, que vén de confirmar o seu atractivo nacional e internacional en Chantada no marco do programa Novos presentes e futuros do Goberno galego.

Na súa intervención, Alén tamén destacou o programa único en España Aprender da tradición. Oficios e técnicas, no marco do que se están a desenvolver novos cursos para promover que as novas xeracións aposten polo sector artesán, en concreto, arredor da sombreirería, da xastrería, da olería de Buño, da forxa e da ourivería.

O representante autonómico resaltou que nesta iniciativa formativa pioneira xa teñen participado máis dun cento de persoas para conservar e renovar técnicas e oficios tradicionais e para captar novos talentos, téndose acadado a incorporación efectiva de alumnado ao mercado laboral.

Data de actualización: 11/10/2024