Os concellos galegos con sede electrónica creceron un 25% nos últimos seis anos, ata acadar practicamente a totalidade
Un 97% das entidades municipais contan cun portal de transparencia, o que implica un crecemento do 2,4% con respecto a 2021
Dous de cada dez concellos galegos dispoñen de sistemas de Internet das Cousas para xestionar dotacións como o alumeado público, o rego ou o subministro de auga
Un 25,9% dispoñen de servizos de computación na nube
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2024
Practicamente a totalidade dos concellos de Galicia (un 99%) dispoñen de sede electrónica, fronte ao 79,3% que había en 2017, de acordo cos datos recollidos no informe bienal Estatística da administración dixital cos concellos galegos que hoxe publica o Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA). Todos os concellos da máis de 5.000 habitantes dispoñen de sede electrónica.
Os datos publicados polo OSIMGA, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, refírense ao ano 2023 e indican que o trámite con maior dispoñibilidade nas sedes electrónicas dos concellos é o Rexistro electrónico, cun 98,5%. O 24,5% permite pagar en liña a totalidade dos tributos, impostos e taxas, e o 66,5% ten dispoñible parcialmente esta función.
Os trámites que máis se usan na canle electrónica son os de xestión de licitacións e concursos e o de establecemento e sinatura de contratos e convenios.
No 2023, os concellos galegos que contan cun catálogo de procedementos dispoñibles a través de internet acadaron o 67,3%. Destacan sobre todo os concellos que teñen máis de 50.000 habitantes (100%) fronte ao 60,5% dos concellos cunha poboación de menos de 2.000 habitantes.
Comunicación e participación da cidadanía
No 2023, o 97% dos concellos galegos contan cun portal de transparencia, cun crecemento do 2,4% dende 2021. Ademais está presente no 100% dos concellos máis grandes.
O correo electrónico é a canle de comunicación máis empregada nos concellos galegos co 98,9%. Por outra banda, incrementouse o emprego das redes sociais con Facebook á cabeza, cun uso do 89,4%, seguida de Instagram co 55,9% e de Youtube co 35,6%.
No 2023, a acción máis común de participación que se facilita á cidadanía é a posibilidade de realizar queixas e suxestións dende a Web, presente nun 58,1% de concellos.
Equipamentos e aplicacións
En canto ao uso das tecnoloxías innovadoras nos concellos galegos, o 25,9% dispoñen de servizos de Cloud Computing e preto do 22% de sistemas Internet das Cousas (IoT) aplicados a sensores intelixentes de medición, control e xestión do alumeado público ou do rego e subministro da auga.
Un 8,5% dos concellos sufriron un incidente de ciberseguridade no ano 2023, e foron os concellos de máis de 50 mil habitantes os que máis incidentes sufriron (71,4%).
Os resultados detallados do informe poden ser consultados en OSIMGA.GAL.