O reforzo da atención ao contribuínte da Atriga favorece o cumprimento voluntario das obrigas tributarias ata superar o 95 % no 2025

A directora da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) compareceu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento para explicar o Informe de actividade do organismo do 2025

A Atriga atendeu o ano pasado a máis de 1,79 millóns de contribuíntes, e máis de 13.000 recibiron atención a través da canle preferente para maiores de 65 anos

Galicia incrementou máis dun 16 % a recadación dos impostos xestionados pola Atriga

Cada euro de gasto de funcionamento da Atriga repórtalle á Comunidade Autónoma máis de 34 euros

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2026

O reforzo da atención ao contribuínte da Atriga favorece o incremento do cumprimento voluntario das obrigas tributarias ata superar o 95 % no ano 2025. Así o explicou a directora da Atriga, Sonia Lafont, durante a súa comparecencia na Comisión 3ª do Parlamento para explicar o Informe de actividade do organismo do ano pasado, onde debullou o modelo tributario galego, propio e sostible, que compatibiliza a continua mellora dos servizos públicos con alivios fiscais selectivos.

Sonia Lafont puxo en valor o esforzo de todo o persoal da Atriga na mellora da atención á cidadanía,  tanto no referido á forma de acceder á información como no que se refire a facilitar o cumprimento voluntario das súas obrigas tributarias, con actuacións de información e asistencia destinadas a facer máis sinxelo e áxil o acceso á administración.

Sonia Lafont lembrou as diferentes canles que a cidadanía galega ten para relacionarse coa Atriga e cumprir coas súas obrigas tributarias. A atención préstase tanto de xeito presencial como mediante a canle telefónica e a través da páxina web, para permitir que o contribuínte escolla a que lle resulte máis fácil. Neste sentido, a Atriga atendeu o ano pasado máis de 1,79 millóns de contribuíntes. Deles, máis de 13.000 recibiron atención a través da canle preferente para maiores de 65 anos.

A solicitude de cita previa para acudir ás oficinas é opcional para a cidadanía e, polo tanto, pódese acudir directamente sen necesidade de contar con ela. Porén, a reserva dunha cita con antelación á atención solicitada é unha ferramenta útil, que non só permite unha mellor organización do traballo e unha mellor asignación dos efectivos aos servizos demandados polos cidadáns en cada momento, senón que tamén é unha ferramenta de calidade, xa que permite reducir os tempos de espera do cidadán e aumentar o tempo de atención.

Facilitar o pagamento

Un dos obxectivos estratéxicos da Atriga é facilitar o cumprimento das obrigas tributarias e minimizar os custos indirectos ao facelo. No ano 2025, entre as accións para logralo destacan facilitar a concesión de aprazamentos e fraccionamentos e a ampliación dos mecanismos de pagamento, como as TPV físicas nas delegacións territoriais ou o pago a través de carteiros rurais, que se suman aos pagamentos a través de medios electrónicos, como a domiciliación, a transferencia, as TPV virtuais e o Bizum para reducir tempo e trámites aos contribuíntes.

A canle máis empregada para pagar no ano 2025 foi a TPV virtual en número de pagamentos, o 46 % do total dos pagos feitos. Porén, por importe, a canle máis significativa é o cargo en conta, cun 68 % do total recadado. A TPV virtual e o Bizum foron as canles máis utilizadas para pagar taxas, o xiro postal para liquidacións e a transferencia para as autoliquidacións.

Sonia Lafont destacou tamén que a Comunidade galega veu incrementada máis dun 16 % (16,4 %) a recadación dos impostos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) no ano 2025.

Actuacións tributarias

A directora da Atriga puxo en valor que cada euro de gasto de funcionamento da Axencia Tributaria de Galicia repórtalle á Comunidade Autónoma máis de 34 euros (34,14). O Informe de actividade presentado hoxe recolle as actuacións de prevención e control tributarias desenvolvidas nas que, de media, cada traballador da Atriga detectou unha débeda de preto de 240.000 euros.

Isto permitiu aflorar 87,1 millóns de euros de débeda non declarada no ano 2025, que fan posible reforzar o financiamento de servizos públicos esenciais como a sanidade, a educación ou os servizos sociais. Por exemplo, as obras nos hospitais da Coruña e Ferrol e noutros seis centros de saúde custaron 88,8 M€ e as medidas de conciliación destinadas ás familias galegas teñen un orzamento de 80 M€.

O 2025 foi o ano no que se perfeccionou o disposto na Lei 7/2022 co respecto á asunción das funcións de recadación executiva, de xeito que se extinguiu a Zona de Recadación de Pontevedra. A partir do ano 2026 polo tanto,  a Atriga exercerá de forma plena as funcións de recadación executiva.  

Ademais, os fogares galegos aforraron preto de 470 millóns de euros (468,8) no ano 2025 polas baixadas fiscais da Xunta nos impostos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga). Son recursos que quedaron en mans da cidadanía galega para reactivar o consumo interno e a actividade económica, evitar o despoboamento e recuperar as terras agrarias, así como manter íntegro o patrimonio das familias en caso de perda dun familiar directo.

Educación cívico-tributaria

Desde o ano 2023 contémplase a educación cívico-tributaria como unha das directrices de actuación da Axencia, consolidando o seu compromiso coa promoción dunha cidadanía fiscalmente responsable desde idades temperás. Trátase de fomentar entre a mocidade a comprensión da función social dos tributos e a importancia da contribución de todas as persoas ao financiamento dos servizos públicos.

Con esta finalidade, a Atriga impartiu no curso escolar 2024/2025 formación en seis centros educativos sostidos con fondos públicos, cun total de 271 asistentes de 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º de educación secundaria. Tamén facilitou formación aos docentes de 3º de educación secundaria da materia de Cultura Financeira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2026