Máis de 60.000 familias galegas poderán deducir no IRPF a compra de libros de texto e material escolar
Estas deducións pódense aplicar para compras realizadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026
A normativa galega en materia de tributos cedidos que regula estas deducións establece os medios de pagamento admitidos para poder optar a elas, excluíndo expresamente os pagamentos en efectivo.
As familias deberán gardar as correspondentes facturas acreditativas das compras realizadas.
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2026
Máis de 60.000 familias galegas poderán deducir no IRPF a compra de libros de texto e material escolar para o curso 2026-2027. En concreto poderán desgravar ata 105 euros por descendente matriculado en educación primaria, secundaria obrigatoria e educación especial, en centros docentes sostidos con fondos públicos.
Cómpre lembrar que as deducións para libros de texto e material escolar son de aplicación desde o 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2026. Para poder beneficiarse delas, a normativa establece que os pagamentos deben realizarse mediante medios electrónicos ou bancarios, como tarxeta de crédito ou débito, transferencia bancaria, cheque nominativo, ingreso en conta en entidades de crédito ou a través de plataformas de servizos de pagamento electrónico instantáneo autorizadas en España. Non se admiten, polo tanto, os pagamentos en efectivo.
Co obxectivo de apoiar ás familias e favorecer a igualdade de oportunidades no acceso á educación obrigatoria, o Goberno galego puxo en marcha en 2025 esta nova dedución fiscal no imposto sobre a renda das persoas físicas pola adquisición de libros de texto e material escolar, a través da Lei de medidas fiscais e administrativas de Galicia. A medida establece, no que se refire aos medios de xustificación do gasto, que “en ningún caso darán dereito a practicar esta dedución as cantidades satisfeitas mediante entregas de diñeiro de curso legal”.
Este requirimento é un principio xeral que non se limita ás desgravacións en gastos de libros de texto e material escolar, senón que é común a calquera beneficio fiscal. É unha ferramenta de control das políticas públicas para garantir a eficiencia, legalidade e sustentabilidade financeira da Administración.
Para a declaración no IRPF do exercicio de 2025, de xeito excepcional, permitiuse a aplicación da dedución para os gastos efectuados dende o 1 de xullo de 2025 ata o 31 de decembro de 2025, incluíndo tamén os pagados en efectivo.
Que se entende por material escolar
A orde de 26 de marzo de 2026 define o material escolar como o conxunto de bens funxibles, instrumentos e recursos didácticos necesarios para seguir as ensinanzas en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros sostidos con fondos públicos.
E enumera os seguintes elementos: cadernos de actividades; cadernos, blocs, carpetas, arquivadores e papel de uso escolar; instrumentos de escritura -bolígrafos, lapis, rotuladores, gomas, afía lapis, regras, compases, escuadras e cartabóns-; material de debuxo e traballos manuais -pinturas, pinceis, plastilina, tesoiras escolares, cola-; mochilas e estoxos; libros de lectura establecidos polo centro educativo; dicionarios; calculadoras básicas esixidas polo currículo; e material escolar deportivo -roupa e calzado deportivo para a materia de educación física-.
O limite do gasto deducible en material escolar será de 300 euros anuais, tendo en conta que para a categoría de material deportivo non pode superar os 150 euros anuais.