Alfonso Villares pon en valor os produtos da ría de Ferrol nas xornadas de degustación sobre o carneiro
Ferrol, 11 de outubro de 2024.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, particIpou nas xornadas de degustación de produtos da ría de Ferrol, organizadas pola Confraría de Pescadores e Mariscadores da localidade, e coas que colaborou a administración autonómica, a través das axudas do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte. A sala de Armas do Arsenal militar acolleu así un showcooking sobre o carneiro, especie que tamén se coñece como escupiña, moelo, bolo ou ameixa vella.
O responsable do Mar incidiu na importancia de consumir os produtos que saen da costa galega, sobre todo, porque destacan pola súa calidade tanto dende punto de vista culinario e gastronómico, como dende os beneficios que supón o seu consumo para a salubridade. Os asistentes puideron comprobalo hoxe na que este marisco se serviu á mariñeira, en salsa verde, con arroz meloso, con pesto ou en vichyssoise.
O carneiro é unha especie que non acostuma consumirse en Galicia. De feito, practicamente o 100% da súa produción vaise a Italia. As lonxas galegas rexistraron unha produción en 2023 de 76.693 quilos, xerando un volume de negocio de preto de 850.000 euros. Destes, 10.730 quilos vendéronse no mercado de Ferrol, alcanzando os 123.532 euros.