A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta e o concello de Cartelle avanzan no proxecto para dotar de saneamento á contorna de Doniz

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, avaliaron nunha reunión que mantiveron recentemente o estado do proxecto para dotar de saneamento á contorna de Doniz.

Durante o encontro, Ángeles Vázquez e Jaime Sousa acordaron que o concello remitirá a Augas de Galicia unha memoria valorada do proxecto para que poida ser avaliada polo persoal técnico e facer unha valoración inicial do financiamento necesario para acometer esta actuación.

Nesa liña, cómpre salientar que, segundo lle trasladou o rexedor á conselleira, trátase do único núcleo de poboación da localidade que carece de saneamento, polo que coa execución desta iniciativa toda a veciñanza do concello disporía deste servizo.

Ángeles Vázquez indicou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á s súa veciñanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/10/2024