Lete enxalza a Carreira Pedestre Popular de Santiago que, dende 1978, “é o emblema da democratización do deporte para todos e para todas”

Destaca o traballo dunha proba que, dende a súa primeira edición, abrazou a todo aquel que quixese participar: “mulleres, homes, alto nivel, amateur, absolutos, master e tamén, como non, os máis pequenos”

Santiago, 15 de outubro de 2024

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da 45ª Carreira Pedestre Popular de Santiago que terá lugar o vindeiro 27 de outubro polas rúas de Compostela, organizada por El Correo Gallego co apoio da Xunta de Galicia. O mandatario galego subliñou como a proba “nacida o 22 e outubro de 1978, foi, é e será o emblema do deporte popular en Galicia nunha das maiores contribucións a democratizar a actividade física  para todos e para todas”. 

Na súa intervención, o responsables de Deportes da Xunta fixo fincapé na igualdade que amosa o atletismo galego, que conta con preto de 7.600 licenzas federativas repartidas ao 50% entre homes e mulleres cunha paridade exacta. A este fito, dixo, contribúen as políticas da Xunta, que nos últimos anos fixo un especial esforzo en canto ás infraestruturas deportivas de atletismo, nomeadamente as pistas da USC, a pista de Cervo, a pista da AGASP, o módulo cuberto de Ribeira, o módulo do IFEVI ou a pista cuberta de Expourense que xa acolleu tres campionatos absolutos. Tamén destacou o traballo de eventos como a Carreira Pedestre que, dende a súa primeira edición, abrazou a todo aquel que quixese participar: “mulleres, homes, alto nivel, amateur, absolutos, master e tamén, como non, os máis pequenos”.

Deste xeito, Lete Lasa lembrou a foto das tres primeiras clasificadas na edición de 2018, composta por tres mulleres que veñen de disputar os Xogos Olímpicos de París nas súas diferentes disciplinas: Joselyn Brea, Ester Navarrete e Alice Finot. Asemade, tamén destacou que, a categoría para nenos de entre 10 e 17 anos, medra cada ano en participación grazas aos mozos que se inscriben a través de colexios públicos e privados, institutos, clubs e de forma individual desde numerosos puntos de Galicia. Con todo, o secretario xeral “animou a todo o mundo a anotarse na Carreira Pedestre para que, pouco a pouco, a participación se achegue e supere os 6.000 corredores que nalgún ano se citaron en Santiago”. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2024