Román Rodríguez destaca o apoio de 3,2M€ da Xunta a Aimen para un novo centro de fabricación avanzada

Román Rodríguez participa nas XVIII Xornadas de Procesado de Materiais con Tecnoloxía Láser de Aimen, ás que asisten profesionais, investigadores e expertos para analizar os últimos desenvolvementos da tecnoloxía láser a nivel industrial

Este programa está cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027

O Porriño, 16 de outubro de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou hoxe a importancia da tecnoloxía láser na mellora da competitividade e na modernización do tecido produtivo e confirmou o apoio do Executivo galego ás posibilidades que o seu uso abre para a industria. O titular de Ciencia fixo esta afirmación no marco do inauguración das XVIII Xornadas de Procesado de Materiais con Láser de Aimen, ao que asistiu acompañado da directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.

Román Rodríguez apuntou tamén o papel clave de Aimen na transformación de Galicia nunha “potencia tecnolóxica incipiente”, contando cun dos centros máis punteiros en tecnoloxía láser e un referente a nivel internacional nesta materia. Así mesmo, subliñou a súa contribución á transferencia de tecnoloxía ás empresas, actuando como nexo entre a investigación e a produción e ofrecendo ao sector empresarial os resultados máis avanzados.

O titular de Ciencia lembrou que esta aposta da Xunta de Galicia polo desenvolvemento destas liñas de I+D+i se traduce no investimento actualmente de máis de 3,2M€ na construción dun novo centro de fabricación intelixente de Aimen, que vén sumarse aos máis de 50M€ que a Xunta leva investido nos últimos anos.

As Xornadas de Procesado de Materiais con Láser de Aimen reúnen durante dous días a profesionais, investigadores e expertos europeos para analisar as últimas innovacións en tecnoloxía láser a nivel industrial. Así mesmo, AIMEN presentará cinco proxectos de investigación nos que participa e que abarcan diferentes ámbitos do procesado láser, tanto en metais con materiais compostos, como en micro texturizado, fabricación aditiva, monitorización e intelixencia artificial.

Colaboración cos centros educativos

Coincidindo coa celebración da Semana de Láser, alumnado do Colexio CEIP Plurilingüe da Ribeira e do Instituto IES Ribeira do Louro, ambos do Porriño, visitaron o pasado luns as instalacións do Centro de Aplicacións Láser de AIMEN, onde puideron participar en experimentos e demostracións sobre o uso das tecnoloxías láser, poñendo así en valor os equipamentos de Polos Creativos cos que contan nos seus respectivos centros educativos.

Acompañados do persoal asesor de Polos Creativos do Centro de Formación e Recursos CFR de Vigo, os estudantes afondaron nos fundamentos do funcionamento da cortadora CNC Láser e comprobaron como os materiais do kit singular de óptica/fotónica (que se desenvolveu, precisamente, en colaboración con AIMEN) supoñen a base de moitas das tecnoloxías punteiras que este centro utiliza para resolver problemas de enxeñaría nas fronteiras do coñecemento.

Froito da colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e para seguir afondando nos coñecementos e a aplicación láser, AIMEN lanzará aos Polos Creativos diversos retos relacionados coas tecnoloxías da óptica/fotónica e os mellores serán premiados con motivo do Día Internacional da Luz no mes de maio. Estas colaboracións acompáñanse cun curso de formación de profesorado específico sobre as aplicacións destas tecnoloxías que, ademais de dotar ao profesorado de coñecementos específicos e recursos didácticos, servirá como proceso de mentorización para apoialos no traballo de aula e na consecución dos retos.

Este programa está cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2024