A Xunta presenta ante o Consello de Europa os seus avances en dixitalización e intelixencia artificial
O Goberno galego foi invitado a participar nunha sesión sobre dixitalización, intelixencia artificial e gobernanza rexional, xunto a representantes de Suíza, Alemaña e Macedonia do Norte
A representación galega centrou parte da súa intervención na presentación da Lei para o Desenvolvemento e Impulso da IA que será remitida proximamente ao Parlamento
Estrasburgo, 16 de outubro de 2024
A Xunta de Galicia participou esta mañá na XLVII Sesión do Congreso de Autoridades Locais e Rexionais do Consello de Europa para presentar os seus avances en dixitalización, intelixencia artificial e gobernanza rexional.
O Goberno galego participou invitado pola Cámara das Rexións do Consello de Europa nunha mesa de debate na que tamén había representantes do cantón suízo de Juira, do estado de Hesse de Alemaña e de Macedonia do Norte.
A intervención galega no debate correo a cargo da directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo, que fixo un repaso polos avances de Galicia en aspectos como a conectividade do territorio, a universalización dos servizos públicos dixitais ou a capacitación dixital da cidadanía.
Bobillo centrou boa parte da súa intervención na presentación da Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial, a primeira destas características que se elabora nunha rexión europea e que será remitida proximamente ao Parlamento de Galicia para o seu debate.
A representante galega destacou as responsabilidades da Administración na implantación da IA porque “depende de nós, en calquera nivel de gobernanza pública, asegurar o seu uso correcto e, sobre todo, garantir á cidadanía os seus dereitos fundamentais”.