Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha norma pioneira a nivel nacional que regulará o uso da IA no ensino

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, intervén no I foro europeo EducaIA, que conta coa participación dos seus homólogos de Andalucía, Aragón, Baleares e Castela e León, ademais doutros altos cargos de CCAA

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2026

Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da Intelixencia Artificial no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou esta mañá en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención, por videoconferencia, do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher, para afondar nos retos da irrupción das novas tecnoloxías no ámbito educativo.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que participou na mesa redonda de clausura de EducaIA xunto cos seus homólogos de Andalucía, Baleares e Castela e León, salientou que o obxectivo do Goberno da Xunta de dotarse dunha Lei de Educación Dixital, nestes momentos en trámite parlamentario, “é para afrontar con seguridade os retos da transformación social e tecnolóxica tamén no ámbito educativo”, ao tempo que blinda “o modelo galego de ensino híbrido de calidade, equidade e igualdade de oportunidades”.

De aí que Galicia vaia converterse na primeira comunidade autónoma en regular “algo inédito ata o de agora” como son os dereitos e deberes de todos os membros da comunidade educativa -administracións públicas, centros educativos, docentes, alumnos e familias- ante a nova realidade derivada da transformación dixital no ensino.

Nesta liña, o texto recolle aspectos como os usos permitidos e prohibidos da intelixencia artificial no ensino, o benestar dixital, a protección de datos, o dereito á identidade dixital e a accesibilidade universal, entre outros. Trátase, pois, de regular todas as cuestións que atinxen ao uso de ferramentas dixitais na contorna educativa e nos procesos de ensino-aprendizaxe, entendéndoas sempre “como un medio, nunca como un fin en si mesmo”, indicou. Román Rodríguez amosouse partidario de aproveitar “as oportunidades de mellora” que blindan as novas realidades tecnolóxicas e a intelixencia artificial, pero sempre ao servizo pedagóxico.

Pola súa banda, a conselleira de Educación da Xunta de Castela e León, María Pardo, defendeu que a educación debe ser o punto de partida para incorporar a intelixencia artificial, ensinando aos alumnos a utilizala de forma crítica, responsable e eficiente. “Non se trata de prohibir nin de idealizar a IA, senón de educar para utilizala ben”, sinalou. A conselleira salientou, ademais, que a tecnoloxía debe estar ao servizo dunha boa educación e non substituír aquilo que resulta esencial para aprender. “A IA pode axudarnos, pero non pode reemprazar o criterio do docente nin capacidades como ler, escribir, razoar ou contrastar información”.

A conselleira do ramo de Andalucía, María del Carmen Castillo, manifestou que a intelixencia artificial “non é un suxeito en si mesmo” e que o “epicentro do sistema educativo debe ser o docente”. “Temos que reflexionar como sociedade para poñer en valor a figura do docente e que a IA se converta nunha ferramenta que potencie o pensamento en lugar dun ataio e, á vez, unha ferramenta pedagóxica e de avaliación para profesores e mestres”, concluíu.

O conselleiro de Educación e Universidades das Illas Baleares, Antoni Vera, destacou a aposta polos novos currículos nas illas centrados nos coñecementos, con maior peso das Matemáticas e o reforzo das Linguas. Así mesmo, reivindicou o papel dos docentes e equipos directivos, co apoio do novo decreto para reforzar a súa autoridade; e subliñou as medidas de inclusión e apoio, como a redución de ratios, a extensión do comedor escolar a todos os centros públicos e o reforzo dos profesionais de orientación.

EdugalIA, a maior iniciativa de IA ao servizo da mellora educativa

A ponencia inaugural do foro correu a cargo do destacado investigador e especialista educativo chileno Cristóbal Cobo, experto en novas tecnoloxías e a aplicación da intelixencia artificial nas aulas.

Posteriormente, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta, Judith Fernández, participou, xunto con representantes doutras comunidades autónomas, nunha mesa redonda sobre iniciativas autonómicas en materia de IA, a formación do profesorado, a experimentación, a transferencia de coñecemento e as prioridades de presente e de futuro neste eido. A representante da Consellería de Educación deu conta de EdugalIA, a maior iniciativa de todo o país impulsada de xeito pioneiro por Galicia que vai aplicar a intelixencia artificial ao servizo da mellora educativa, enfocada, especialmente, a acadar o éxito escolar e combater o abandono temperá. Pola súa parte, o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, participou nun panel monográfico de análise da lexislación, os marcos regulatorios, a gobernanza, a supervisión e os retos que plantexa a incorporación da intelixencia artificial no ámbito educativo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2026