O conselleiro de Sanidade, xunto co director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, e o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 participou na actividade organizada con motivo do Día da concienciación sobre a parada cardíaca
O 061 de Galicia adestra 180 estudantes en técnicas de reanimación cardiopulmonar básica
Un total de 18 monitores en soporte vital básico das Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ensinaron con bonecos de simulación aos estudantes de secundaria do IES Xelmírez II de Santiago e do IES de Oroso
O programa de formación en reanimación cardiopulmonar RCP na Aula formou máis de 21.000 nenos desde o ano 2009
Galicia conta con máis de 3.000 DESA para ser utilizados, en situación de necesidade, por calquera testemuña, seguindo as instrucións telefónicas dos médicos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2024
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá na xornada formativa que a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 organizou en Santiago de Compostela co gallo da celebración do Día mundial da parada cardíaca, na que 180 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) aprenderon e aplicaron as técnicas de reanimación cardiopulmonar RCP.
O obxectivo deste adestramento masivo é garantir a formación dos estudantes de 2º e 3º da ESO do Instituto de Educación Secundaria Xelmírez II de Santiago de Compostela e do IES de Oroso, como posibles primeiros intervenientes en situacións de emerxencia sanitaria nas que unha persoa sufra unha parada cardíaca.
Neste acto, ao que tamén asistiron o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, José Manuel Álvarez, e o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, Román Gómez, participaron un total de 10 profesores e 18 monitores en soporte vital básico pertencentes aos equipos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
As acción formativas foron impartidas en diferentes quendas para facilitar a axeitada realización dunha manobras de soporte vital básico nas que se empregaron uns bonecos de simulación sobre os que os estudantes aplicaron as técnicas aprendidas por parellas.
Importancia de reaccionar con rapidez
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 subliña a importancia de recoñecer os síntomas que preceden a unha parada cardiorrespiratoria para poder reaccionar con rapidez e minimizar os posibles efectos e consecuencias.
Nestes casos, os estudos científicos realizados ao respecto demostran que, se os primeiros intervenientes tamén contan con formación en técnicas de reanimación cardiopulmonar e desfibrilación precoz, auméntase considerablemente as posibilidades de supervivencia dos pacientes.
Na Comunidade galega, onde as enfermidades cardiovasculares constitúen un dos problemas de saúde máis importantes, a concienciación da sociedade sobre a importancia do recoñecemento dos sinais de morte súbita e das técnicas de reanimación cardiopulmonar básica resultan fundamentais.
Síntomas máis frecuentes
Os síntomas máis frecuentes da dor de orixe cardíaca son as molestias de aparición brusca, con sensación de opresión, que se localizan na zona central ou esquerda do tórax. A dor pode estenderse cara as costas, o brazo esquerdo, o colo e a mandíbula e case nunca varía cos cambios de postura nin coa palpación. En ocasións, acompáñase de suor frío, palidez, náuseas, vómitos, mareos e pode provocar dificultade para respirar.
Se unha persoa sofre os síntomas descritos, debe manter a calma, afrouxar a roupa e permanecer sentada ou recostada. A chamada ao teléfono 061, nestas circunstancias, resulta vital. Mentres é atendido por un médico coordinador, especialista en atención telefónica ás urxencias e ás emerxencias, os recursos asistenciais son mobilizados ata o lugar no que se atope o paciente para a aplicación dun desfribrilador, nos casos axeitados.
Reanimación cardiopulmonar e DESA
Ademais, a maioría das mortes evitables ocorren fóra dos centros hospitalarios, polo que as únicas medidas que aumentan a supervivencia, minimizando as posibles secuelas, son a masaxe cardíaca e a desfibrilación precoz. Ambas as dúas constitúen parte fundamental da cadea de supervivencia, xunto coa activación inmediata do sistema de emerxencias, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Tendo en conta que en Galicia contabilízanse unhas 780 mortes súbitas ao ano, e dadas as características poboacionais e orográficas da nosa Comunidade Autónoma -con altas cifras de dispersión poboacional-, a formación en técnicas de reanimación cardiopulmonar resulta imprescindible.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, vén apostando por iniciativas que melloran a supervivencia nas paradas cardiorrespiratorias, como o programa de formación en reanimación cardiopulmonar RCP na Aula a través do que, desde o ano 2009, formáronse máis de 21.000 nenos.
Actualmente, Galicia conta con 3.060 desfribriladores semiautomáticos externos dados de alta para ser utilizados, en situación de necesidade, por calquera testemuña, seguindo as instrucións telefónicas dos médicos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.