A delegada da Xunta visitou os locais da Agrupación Montañeiros Independentes da Coruña que contou coa colaboración da Xunta para reformar a súa estrutura de escalada

Belén do Campo destaca a aposta da Xunta por mellorar as instalacións deportivas das entidades e dos concellos cun investimento en Galicia de máis de 22 M€

A delegada da Xunta destacou que esta asociación ofrece tamén o Plan Corresponsables que promove a conciliación a través de actividades deportivas ata os 16 anos

A Coruña, 16 de outubro de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, esta mañá as instalacións da Agrupación de Montañeiros Independentes da Coruña, para supervisar as obras da nova estrutura artificial de escalada. A actuación consistiu na substitución dos paneis de escala e toda a superficie ademais da incorporación dunha parede de escalada no único espazo da parede que queda libre na sala e a incorporación dun elemento central coñecido como cogumelo de escalada. O  obxectivo principal desta actuación foi mellorar o aproveitamento da instalación ao aumentar a superficie escalable e mellorar a circulación na contorna a ela. A Xunta de Galicia apoiou esta intervención con máis de 25.000 euros.

A delegada da Xunta lembrou que este apoio forma parte da orde de axudas do Goberno galego  para  entidades para a construcción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas. Neste senso, lembrou que a Xunta reforza a súa aposta por este tipo de infraestruturas co seu orzamento nesta ámbito, xa que este ano destinou 22 millóns de euros a 400 actuacións en infraestruturas deportivas da comunidade. Neste montante, inclúense 17,5 millóns en instalacións de titularidade autonómica, municipal ou de entidades deportivas, así como os proxectos beneficiarios das axudas de 5 millóns de euros do fondo adicional de Fondo de Cooperación Local para melloras de eficiencia enerxética nestas instalacións. 

 Ademais de apoiar ás entidades locais nas instalacións deportivas da súa propiedade, a administración rexional tamén contribúe á mellora das infraestruturas das entidades deportivas, así como ao funcionamento do tecido deportivo con achegas a federacións e clubs co obxectivo de que poidan levar realizar a súa actividade.

A delegada valorou positivamente a colaboración que esta agrupación realiza cun gran número de entidades para fomentar este deporte entre os máis novos.

Plan Corresponsables

Na visita a representante do Goberno autonómico tamén comprobou o funcionamento do Plan Corresponsables nesta entidade que conta cun apoio da Xunta de máis de 17.500 euros, recibida a través da axuda aprobada á Federación Galega de Montañismo de máis de 74.000 euros. Este plan promove, por terceiro ano consecutivo, a conciliación e a igualdade de oportunidades para mulleres e homes con fillos de ata 16 anos de idade ao cargo fomentando a corresponsabilidade, ao habilitar servizos de coidado profesional con actividades de animación socio deportiva para nenos e nenas e mozos e mozas destas idades. Deste xeito, mellorase a vida cotiá das familias e a súa conciliación laboral, familiar e persoal, sobre todo coincidindo coas vacacións de verán nos centros educativos. De feito, o período de desenvolvemento das actuacións subvencionables comprende do 15 de xullo ao 15 de novembro deste ano.

Ademais de promocionar a igualdade e a corresponsabilidade entre mulleres e homes, o Plan Corresponsables fomenta o deporte base achegándolle distintas modalidades e favorecendo a convivencia e o xogo en equipo desde as idades máis temperás e a adquisición de hábitos de vida saudables grazas aos beneficios do deporte para a saúde física e mental. Tamén axuda á creación de emprego de calidade no sector dos coidados garantindo a calidade dos servizos mediante as bolsas de coidado profesional.

A través deste apoio, a Xunta financia os gastos derivados da habilitación de servizos de coidado profesional de nenos, nenas e mocidade ata 16 anos inclusive, isto é, custos salariais e de cotización á Seguridade Social e gastos relacionados co desenvolvemento de actividades de animación socio deportiva realizadas polas federacións no marco dos seus programas deportivos.

O pasado mes de setembro aprobouse unha segunda concesión das subvencións a federacións deportivas de Galicia para o desenvolvemento do Plan Corresponsables a través da realización de actividades de animación sociodeportiva. 

 Neste sentido, e grazas a esta ampliación, esta terceira edición do Plan Corresponsables conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros que beneficia a un total de 26 federacións deportivas galegas. Neste sentido, hóckey, squash e vela súmanse as federacións da primeira resolución que foron baloncesto, judo e disciplinas asociadas, baile deportivo, remo, bádminton, halterofilia, ciclismo, atletismo, tenis de mesa, kickboxing, balonmán, tenis, bolos, salvamento, piragüismo, taekwondo, fútbol, boxeo, loita, montañismo, pentatlón moderno e triatlón, esgrima e surf.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/10/2024